Teresa Moure destaca que as mulleres teñen unha voz que se opón ao discurso dominante María do Cebreiro di que a nova poesía da comunidade está protagonizada por féminas
22 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Existe unha literatura feminina claramente diferenciada polo seu contido. Esta foi a conclusión á que chegaron as dúas escritoras que participaron na Semana da Cultura Galega Actual, Teresa Moure e María do Cebreiro. A presentación do acto, celebrado en Boiro, correu a cargo da directiva de Barbantia Mila Torrado e comezou coa lectura dun poema sobre a violencia de xénero a cargo de Rosa Enríquez. Pese a estar completamente convencida da existencia dunha literatura feminina, Teresa Moure considera que non a producen todas as mulleres que se dedican a escribir: «Algunhas optan por asumir o discurso dominante, o masculino». As dúas escritoras coincidiron ao sinalar que esta literatura feminina é doada de recoñer, e incluso deron as claves para facelo. Así, Moure destacou o seu un marcado carácter alternativo e disidente: «Ten recurrencias e matices que non aparecen nos textos dos literatos». Pola súa banda, María do Cebreiro sinalou que as mulleres aportan autoconsciencia lingüística: «Reflexionan sobre a lingua, unha práctica que acaba sendo unha reflexión política». A escritora sinalou que, no eido da poesía, as féminas empregan en moitas ocasións a voz de nenos: «A voz dos outros, daqueles que non teñen poder». A poeta santiaguesa manifestou que a fémina tamén emprega a arte de escribir para realizar un cuestionamento dos roles, dos papeis sexuais. Definiu a literatura feminina como «unha forma alternativa de escribir a historia que parte dos valores que as mulleres poden achegar». Ao longo da súa intervención, María do Cebreiro expuxo que incluso hai homes que se defenden do desafío feito polas mulleres facendo unha literatura marcadamente feminina. Como exemplo puxo a Eduardo Estévez, a quen o xurado do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón lle chegou a conceder un galardón crendo que era unha muller. As dúas escritores que o venres interviron na casa de cultura de Boiro, sinalaron que ao longo dos últimos anos a muller foi gañando terreo na literatura. María do Cebreiro asegurou incluso que a nova poesía galega e a poesía feminina son case equivalentes. Destacou o papel que xogaron neste logro Rosalía de Castro e Xoana Torres. A pesar do longo camiño percorrido polas féminas neste eido, a poeta compostelana cre que a situación «non é para botar foguetes». Considera que aínda existe unha especie de cerco simbólico que rodea ás mulleres no mundo da cultura: «A nosa literatura é tratada aínda como unha especie de subxénero». Este tema foi tratado tamén, na recta final da sesión, por Rosa Enríquez, que tomou a palabra para dicir que a muller aínda ten moito que facer no mundo literario: «É certo que cada vez hai máis escritoras, pero aínda non está todo gañado; é fundamental que aumente o número de editoriais, porque este é un mundo de competencias e de poderes». Pola súa banda, Teresa Moure destacou que á muller lle queda moito camiño por percorrer en todos os eidos da vida. Para acadar as súas metas, a escritora defendeu a promoción do movemento feminista: «É unha loita liberadora que non exclúe a ningúen e que ten como finalidade a consecución dun mundo máis xusto».