Tirón de orellas aos políticos por non propiciar unha igualdade real

La Voz

BARBANZA

22 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Se na sesión do xoves, as tres parlamentarias que acudiron á casa de cultura de Boiro se afanaron en enumerar as medidas que puxeron en marcha os seus respectivos partidos para propiciar unha igualdade real, as escritoras do venres desmontaron en cuestión de minutos os méritos das políticas. Teresa Moure foi a máis crítica neste aspecto: «Os políticos cren que conseguiron moitas cousas e non fan máis que falarnos de departamentos de igualdade, pero o certo é que a muller segue a facer a maior parte do traballo doméstico, que o 70% das persoas que viven na absoluta pobreza son mulleres e que o 90% dos analfabetos do mundo, como non, son mulleres». Pese a isto, a escritora recoñeceu que as políticas de igualdade son «positivas e necesarias», pero criticou que o enfoque que se lles está a dar non é o axeitado: «Están deseñadas para uniformarnos sen recoñecer que, aínda que buscamos ter os mesmos dereitos, os homes e as mulleres somos diferentes». Xa no turno de preguntas, o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello, introduciu no coloquio un tema que fora tratado na sesión anterior: as listas electorais paritarias. As dúas escritoras se amosaron en contra da imposición de cuotas: «Non se pode tratar de conseguir un pedazo máis grande da tarta, senón que hai que buscar que todas as minorías estean representadas», manifestou Teresa Moure. Esta escritora chegou a definir ás políticas como «homes con saias», argumentando que se sumaban ao discurso masculino. Pola súa banda, María do Cebreiro abogou por buscar mecanismos para poñer fin á desigualdade, «pero sempre reivindicando o timbre diferencial das mulleres»