A novelista Teresa Moure reivindicou en Lousame os espazos das mulleres

A. Lema CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Dou a coñecer o libro «Herba moura», co que gañou o premio Xerais deste ano O tamén escritor Ramón Carredano Cobas entablou un diálogo coa lingüista arredor da súa obra

29 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

«Mulleres con voz propia», «unha ollada feminina do mundo», «unha historia na que as mulleres son as protagonistas». Estes son algúns dos ingredientes emocionais e pasionais cos que a autora Teresa Moure cociñou a súa obra Herba moura , merecedora do premio Xerais de Novela deste ano e que se dou a coñecer o venres nun acto organizado por Barbantia en Lousame. A creadora aproveitou a ocasión para romper unha lanza en defensa da devolución dos espazos arrebatados ás mulleres ao longo da historia. Sobre a súa novela, o escritor noiés Ramón Carredano, gañador do último premio Merlín de literatura infantil, salientou a impresionante acollida que tivo entre a crítica e a que está a ter entre os lectores, segundo as cifras de ventas. «A través da personaxe de Hélène Jans, o libro cheira a herbas de namorar; é un volume de sentimentos máis que sentimental», sinalou Carredano. O literato entablou, de seguido, unha conversa con Teresa Moure, á que dirixiu preguntas vencelladas maioritariamente coa construción da súa engaiolante historia. No devir dese diálogo, a novelista desvelou que concebiu a obra como un canto hedonista, como unha reivindicación da filosofía do carpe diem . «Quería contar un invento de muller e saiume un canto sensual ás paixóns, non sabía que levaba dentro tanta munición», relatou Moure. A tamén doutora en Lingüística e profesora da Universidade de Santiago, comentou que a través das páxinas de Herba moura os lectores poderán viaxar ao século XVII para descubrir a un Descartes humano e fráxil, pero, por enriba de todo, para coñecer a dúas mulleres incribles: unha meiga chamada Hélène Jans e a raíña Christina de Suecia. Carredano Cobas amosou a súa perplexidade polo ben documentada que está a publicación, sobre todo no que a variedades de herbas se refire. Teresa Moure confesou que iso foi para ela un xeito de devolverlle importancia aos saberes tradicionais das mulleres, moitos dos cales estanse a perder hoxe, ao seu entender. Ao remate do acto, a escritora regaloulle ao presidente de Barbantia unha pranta de herba moura e a todos os asistentes ramiñas soltas. «Ten fama de tóxica, como din das mulleres», asegurou sorrindo.