O presentador radiofónico Xurxo Souto estivo na comarca facendo un repaso do álbum sonoro galego
28 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.«Sempre que veño a Rianxo hai festa», comentaba Xurxo Souto, membro de Os Diplomáticos de Monte Alto, escritor e presentador do programa de radio Aberto por reformas, entre outras cousas, nada máis aterrar no salón de actos do instituto Félix Muriel. Pero para festa, a que montou el. Souto viña a falar da música galega actual, e fíxoo intercalando anécdotas da súa experiencia cos Diplomáticos e interpretando algunhas pezas da música de hoxe e de sempre.
Xurxo Souto falou da diversidade do álbum sonoro que existe actualmente en Galicia presentando un cedé que recolle todos os estilos posibles, dende o jazz ao pop pasando polo rock, o rap ou a música electrónica. Pero onde máis se detivo foi nunha modalidade da que Os Diplomáticos e outros grupos similares son artífices: o bravú . Un termo que naceu na década dos 90 do século pasado «nun congreso en torno a un cocido en Chantada», revelou o locutor, para definir un estilo de música moi concreto. Xurxo Souto explicou a elección moi graficamente: «Queriamos facer música do noso tempo e co cheiro do que somos».
En canto ao son característico do bravú , é, segundo explicou, unha mestura de música popular galega, o heavy, as rancheiras, as cancións de grupos coma os Chichos e os temas que tocaba a mítica orquestra Os Satélites, fundada polo avó de Xurxo Souto. Desta imposible combinación dos gustos dos compoñentes dos Diplomáticos, e dos seus familiares, naceu o grupo.
Como a explicación podía resultar confusa, Souto púxolle música interpretando varias cancións, dende unha rancheira ata Alexandre de Fisterra , un dos expoñentes do bravú e da súa banda.
Riqueza
Os rapaces que asistiron á conferencia tiveron a oportunidade de facerse unha idea da enorme riqueza e variedade musical que existe en Galicia a través das anécdotas de Xurxo Souto.
Contoulles como fora o encontro entre Manu Chao, daquela aínda líder de Mano Negra, e o regueifeiro Pinto de Herbón. A reunión, que foi na mesma parroquia de Herbón, acabou converténdose nunha especie de babel na que ata participaron os veciños e onde resoaron cancións de todo tipo.
E para rematar a charla, unha mensaxe de ánimo para os mozos aos que lles gustaría adicarse á música: «Vivimos na fin do mundo, pero temos bravura para chegar a todo o universo».