Churrasco e tapas variadas, acompañadas de bo viño do país, trunfan neste bar restaurante de Boiro, nas tardiñas dos venres e dos domingos
29 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Estrella Lustres (A Coviña, 1958) trasladouse a vivir á Amanecida cando casou, alá polo ano 1977. Cinco anos tivo que traballar o seu home duramente no mar, quen no seu tempo foi copropietario do Oasis, para poder abrir o bar-restaurante Bahía, lugar no que traballan hoxe en día ela e máis o seu fillo maior.
A partir da apertura, toda a familia aportou o seu gran de area no negocio, entre eles, os tres fillos que tivo o matrimonio. Estrella conta que José Miguel, Jorge e Manel criáronse practicamente no bar, e que dende ben pequenos empezaron a colaborar na casa botando unha man.
En canto á comida, pódese dicir que o Bahía conta con varias especialidades gastronómicas. «A xente pide moito cabrito asado e ameixas á mariñeira. A parte diso, os venres e os domingos damos gratis tapas variadas. No verán adoita haber churrasco e xa, cando o inverno chega, servimos legumes coma callos ou lentellas, para quitarlle o frío aos clientes» comentou a nai, quen basicamente está centrada no traballo de portas para dentro da cociña.
Co paso do tempo, o Bahía sufriu varias reformas, sobre todo dende que José chegou de México para poñerse á fronte do negocio. «Ampliamos o bar quitándolle espazo ao comedor, fixemos cambios na terraza e o próximo reto é facer unha terraza no xardín de atrás» comentou o primoxénito.
A imaxe
«Somos conscientes de que os clientes non queren ver o lugar sempre igual. Coidar a imaxe do local é importante, hai que saber mellorar as instalacións sen que isto afecte á identidade do bar. Neste sentido, podo dicir que hai cousas que nunca se tocaron, pola aceptación que teñen entre os clientes. Un exemplo é o gran asadeiro que temos no fondo do local, que dende que se abriu se segue conservando», di o mozo.
Á hora de traballar, nai e fillo combínanse ben, aínda que hai aspectos do negocio que ven de forma diferente. «José estivo de xerente dun gran hotel en México e esta circunstancia fíxolle abrir a mente e ter unha visión de negocio distinta á nosa», confesa Estrella. «Aínda que a priori isto pode ser un problema, penso que á larga, esta mestura vai dar froitos moi positivos».
O perfil de cliente no Bahía é moi diverso, conta José. «Temos persoas de todo tipo, desde xente que celebra banquetes, ata turistas e obreiros. En xeral, os que veñen repiten. Neste sentido gustaríame nomear ao tío Pincho, que é o noso mellor cliente. Dende hai 24 anos, vén comer ao bar todos os días sen falta. Para nós é coma un máis da familia».
José confesa que traballar no negocio familiar ten moitas vantaxes, sobre todo agora que é pai. «O mellor de traballar na casa é que o horario é máis flexible, sobre todo, se se quere librar un día. Este emprego permíteme compatibilizar mellor a vida familiar e laboral. De paso que traballo, tamén lle podo botar un ollo aos rapaces, e se non son eu, son meus pais. Isto é algo que valoro moito e que noutros traballos é inviable».