«Queremos que a cita de Couso estea no campionato nacional»

María López García
María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Crujeiras tivo na casa o primeiro contacto co mundo do cabalo e hoxe en día é o organizador dunha das actividades ecuestres máis importantes da bisbarra

04 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Andrés Crujeiras Sampedro é un veciño de Carreira de 34 anos que leva coidando e montando cabalos dende que era un cativo. A día de hoxe, é organizador do Concurso Morfolóxico Cidade de Ribeira, unha das citas ecuestres máis importantes da Barbanza.

-¿De onde lle vén a súa afección polo mundo do cabalo?

-Na casa sempre tivemos cabalos, meu pai adorábaos. Dende pequenos, tanto os meus irmáns coma min, estivemos rodeados deles, así que só nos quedou a alternativa de que nos gustasen.

-¿Con cantos anos empezou a andar en cabalo?

-De moi pequeno, con apenas 7 anos.

-¿Cantos equinos ten?

-Entre toda a familia, teremos uns quince.

-¿De que raza son?

-A maioría deles son de pura raza española.

-¿Ser afeccionado aos cabalos é algo que sae caro?

-Si, moito. Hai que coidalos, telos saneados, alimentalos... e todo iso implica gastos. Ademais hai que ter en conta o custe do cabalo en si, aínda que isto depende da raza do animal.

-Dígame o rango de prezos que poden ter os cabalos de raza...

-É variable, pero de xeito estimado podo dicir que o máis barato pode valorarse en 3.000 euros e os máis caros poden chegar a valer 200.000 euros.

-¿Que é o que máis lle gusta de ter cabalos?

-Gústame ensinalos a comportarse nas competicións. É un pouco sentir o dominio sobre eles.

-¿Cantas horas lle dedica ao coidado dos cabalos á semana?

-Eu calculo que unhas quince. Tendo cabalos hai que atendelos a diario, non é calquera cousa.

-¿Prodúcelle a súa afección algún conflito familiar?

-Non, por sorte todos os que me rodean aman aos cabalos.

-¿Hai moitos afeccionados a este animal na comarca?

-Si hai bastantes. Penso que cada vez hai máis xente que se anima a ter cabalos, a pesar do sacrificio que isto supón.

-¿Cales son os principais campionatos ecuestres a nivel autonómico e nacional?

-En Galicia, sen dúbida, as citas de Silleda e Lugo. Esta última forma parte do campionato nacional. Xa a nivel nacional, hai que mencionar o Sicab, en Sevilla.

-¿E en Barbanza?

-En Couso temos o concurso morfolóxico, que penso que é o que atrae máis público, participantes e exemplares. Logo está o de Carballosa, que é o que lle fai un pouco de competencia ao Cidade de Ribeira. Por outra parte, en Boiro organízanse de vez en cando carreiras, pero iso é outra cousa.

-¿Pertence a algunha asociación?

-Si, formo parte da asociación Amigos dos Cabalos de Ribeira.

-¿Que me pode dicir como organizador da competición morfolóxica de Santa Uxía?

-Organizar todo isto é algo que leva moito traballo, pero ver o resultado final, é algo que me satisfai moito. Este ano intentamos ser un pouquiño máis ambiciosos e temos máis actividades, para que o público se anime a vir.

-¿Teñen algunha meta desde a organización do concurso?

-A curto prazo, tentamos que a xente coñeza esta competición, que se anime a vir e participar. Por outra parte, xa coa mirada posta a longo prazo, estamos facendo todo o posible para ir mellorando o Cidade de Ribeira. Queremos que a cita de Couso estea no campionato nacional. Ese é o obxectivo.