«Quen é socio do noso centro non ten tempo para aburrirse»

María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

A responsable do club de xubilados anima a todos os veciños a acudir á exposición de traballos manuais que se inaugurará esta tarde

10 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Gloria Lijó Cacharrón é unha ribeirense nada en Castiñeiras que, dende o pasado mes de xaneiro, está á cabeza da directiva do centro da terceira idade Santa Uxía. Durante a súa estadía no posto, está tratando de ampliar o número de actividades para os socios, propoñendo novas iniciativas.

-¿Que tipo de actividades fan no centro social?

-Facemos un montón de cousas. Durante o fin de semana temos un bingo e partidas de cartas. Tamén organizamos charlas e talleres. Este ano tivemos cursos de manualidades e pintura. Unha vez ao ano facemos ceas, excursións... en fin, quen é socio do noso centro non ten tempo para aburrirse.

-¿Cal é a actividade que ten mellor acollida?

-Sen dúbida, as excursións, hai moita xente que se anima. Despois, dos talleres, á xente gústalle moito o de pintura. Penso que esta é a actividade preferida.

-¿A onde viaxaron este ano?

-Fomos a Lurdes, á festa da Historia de Ribadavia, a San Andrés de Teixido, a Santander, a San Sebastián, a Santillana del Mar... en definitiva, a un montón de sitios. Queremos facer que os socios saian da casa e que se entreteñan visitando sitios.

-Respecto ás últimas iniciativas, ¿que subliñaría?

-Hai pouco tivemos varias xornadas con charlas de temática diversa, un día veu o párroco de Ribeira a falar de relixión e noutra ocasión viñeron varios especialistas do Hospital da Barbanza a falar de hábitos saudables.

-¿Que proxectos teñen na asociación?

-Esta mesma noite imos inaugurar unha exposición no centro social da terceira idade. Nela exhibiranse os traballos realizados polos socios nestes últimos meses. O acto de apertura farase despois da misa das oito e media. Despois, a mostra poderá ser visitada en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21. 00 horas ata o vindeiro martes.

-¿De onde xurdiu a idea de organizar esta exposición?

-Tivemos tres voluntarias que nos viñeron a dar clase de manualidades, gancho e calceta. Nestes cursos participaron 15 socios, e vistos os orixinais resultados, animámonos a facer algo nas festas da patroa da cidade.

-¿Que pezas se verán?

-Poderanse ver lámpadas vellas reparadas, marcos de fotos, xoieiros, centros florais, patucos, chaquetiñas e outras cousas feitas a gancho e calceta. Dende a asociación estamos moi ilusionados con este proxecto, por iso queremos que o público acuda á nosa exposición, que poidan vela enteira.

-¿Cal é o perfil de socio?

-En xeral, xente retirada, entre os que a maioría son mulleres, pero tamén temos algún socio que aínda non chegou á idade de xubilación, por exemplo, eu apunteime non estando retirada e miña filla tamén está anotada. Eu animo a todo o mundo a vir e facerse socio, para evitar a rutina e o aburrimento.

-¿Que fai falla para facerse socio?

-Achegarse ao local e traer dúas fotos e unha fotocopia do carné. Ademais diso, hai que pagar unha taxa de 12 euros anuais, que se reduce a 10 euros para a xente viúva e solteira.

-¿Que é o mais positivo de pertencer ao club de xubilados?

-Eu penso que a xente que vén aquí ten menos problemas de depresión. No centro temos un ambiente moi bo, somos como unha gran familia. Creo que é moi beneficioso para os maiores saír da casa e non pasar horas en solitario, sen ningunha compañía. Os socios pasan o día en activo, facendo actividades de todo tipo... e iso sempre esperta a un.