Os alumnos plantaron unha árbore dedicada ao poeta
21 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.De tódolos actos que durante os últimos días quixeron homenaxear a Lois Pereiro polo seu recoñecemento no Día das Letras Galegas, foi o que protagonizaron os alumnos do instituto Coroso un dos que se levou a palma en orixinalidade. Co obxectivo de facer perdurar a súa poesía no tempo, os mozos plantaron no xardín do centro unha árbore que leva por nome o apelido do autor monfortino.
O acto foi abrazado por ducias de estudantes que con gran interese coñeceron as obras do poeta nos últimos días. Os docentes do centro, entre os que se atopaba o autor Suso de Toro, coordinaron a actividade, que comezou con esforzo na escavación do terreo no que agora xa descansa a árbore.
Coa música de fondo das gaitas e das pandeiretas procedeuse á plantación e á posterior rega do pereiro. Moitos foron os voluntarios que quixeron botar enriba del a terra que durante anos pisaron nos seus xogos.
Froitas de cartolina
As peras tardarán en brotar pero, no seu lugar, os alumnos colocaron nas súas pequenas ramas froitas de cartolina nas que se recollen algúns versos do escritor como o que di que «no amor, coma na guerra, nunca oímos o tiro que nos alcanza».
Durante toda esta semana os mozos do centro ribeirense elaboraron ilustracións para acompañar as obras do poeta. Onte tamén se entregaron os galardóns que premiaron aquelas que máis representaban a esencia dun dos versos dun dos máximos representantes da Xeración Nós.
Exposición
Pero non só nos xardíns do Coroso respirábase onte aire de letras galegas. Tamén nas aulas e no interior do edificio, onde se reparten traballos que homenaxean ao escritor. Destacan os que polos corredores unen arte plástica e poesía facendo alusión a versos como «deixa un bico no espello».
Para unha das profesoras que coordinaron a actividade de ilustracións os traballos, ademais de dar a coñecer aos estudantes a figura de Pereiro, facilitan a comprensión dos seus textos e combinan expresión artística e literaria.
Un anaco de Pereiro crecerá na zona verde do instituto Coroso para que as próximas xeracións de alumnos sigan recordando a figura dun autor que non dubidaba á hora de espir a súa poesía, chea de experiencias persoais.
Co seu recoñecemento, desde o instituto de Ribeira reivindicouse a necesidade de recordar tódolos días aos escritores que máis impulso deron ás letras galegas, e non só no día de maio no que se celebran en toda a comunidade.
As peras alimentarán ademais a paixón pola escritura que moitos destes mozos xa levan na sangre e que desenrolarán nos próximos anos.