Leitos dos ríos Pedras e Barbanza, un compendio da historia xeolóxica
28 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O río Barbanza, o máis longo, preséntase non só como testemuña privilexiada da accidentada historia xeolóxica da serra, senón tamén como vehículo humanizador da mesma dende os afastados tempos da nosa prehistoria. As súas augas viaxan calmas, enmarcadas polas terras da superficie de aplanamento superior a máis de cincocentos metros de altitude. O río, horizontal e manso, corre case en liña recta dende o seu nacer -a carón do Outeiro Xestoso, en dirección NE-SW, aproveitando unha creba parella ás rías-, até o bordo da chaira superior.
Dende as abas dunha valgada apenas desenvolvida, os monumentos funerarios de época neolítica contemplan a súa levada amortecida. Mais o vagaroso fluír das augas por esa chaira superior da montaña, vese agora perturbado no bordo da meseta e o río, de súpeto, ten a obriga de salvar un desnivel de máis de 300 metros, resultado xeolóxico da historia desta serra que, antes de acadar a violenta altura actual, xurdira do fondo do mar e fora puído até ficar reducida a unha chaira nivelada co mar. O río, vello no seu curso alto, torna mozo no seu curso medio, supera este atranco e, na procura dun perfil horizontal de equilibrio, debruza o seu labor erosivo escanando unha ferida descarnada na montaña. Aparece así, diante de nós, a impresionante enxeñería natural do canón do Barbanza, exemplo paradigmático da forza modeladora da auga, que se pode contemplar en toda a súa grandeza dende o miradoiro da Curota.
No cabo desta cicatriz pétrea, o río Barbanza perde o seu nome nunha irmandade co Pedras, cuxa nacenza ten lugar, curiosamente, no monte Barbanza e que tamén discorre por unha gorxa escanada no granito de non tanta espectacularidade coma a anterior, mais non por iso menos fermosa. Nese punto matricial onde converxen ambos os dous ríos, co único nome de Pedras, o perfil vai cara á horizontalidade do mar, nun percorrido salferido de relanzos e fervenzas, con bocexos de verde vexetación por entre a penedía rodada da montaña.
Fermoso conxunto
O río, unánime, vai sempre flanqueado por unha pequena selva de especies naturais ribeirás onde vive unha rica variedade de fauna na que é adoito contemplar a silueta do picapeixe, creando un fermoso conxunto paisaxístico do que xa deu conta o noso Frei Martín Sarmiento na súa viaxe por Galiza cando viu os restos do eremitorio de San Xoán da Miserela que ergueron, primeiro os freires bieitos, e máis adiante, a orde seráfica comandada por un tal frei Gonzalo Mariño, un cenobio que até non hai máis dun século conservaba, como un milagre, as arcadas dos claustros a agromaren por entre as matogueiras.
Velaí o espectáculo granítico no que este río canteiro inventa un capricho de formas que van das lecerosas pías -piscinas ao dicir actual da veciñanza- até feituras máis artísticas como a desa barca de pedra na que o San Mauro seica fuxiu dunha desas persecucións mouriscas argalladas pola imaxinería da Igrexa cristiá. Nesta exhibición xeomorfolóxica, o río fai honra ao nome e vainos deixando a súa memoria pétrea até lle entregar ás augas salgadas do Atlántico a dozura das súas, nunha mestura que constitúe unha achega máis para a riqueza biolóxica das rías, un intercambio vital nas migracións de especies.
Unha selva de especies naturais flanquea o río. FOTo XOSÉ CASTRO