Xosé Manuel Lobato Martínez, autor de libros como Autoconcepto en hijos de emigrantes, Diáspora.com, Cos pés na peneira, Retorno a Natura, Máxico tear natural ou As dúas ourelas, achega esta interesante novela na que se cruzan varias historias. O relato dun avó, o legado herdado por unha saga familiar, uns manuscritos nos que dorme un segredo do pasado, unha deusa destronada ou un engaiolante personaxe chamado Espírito Moura, son vimbios cos que Lobato tece este libro insólito no que a protagonista principal é a Natureza, desta volta visualizada no mundo animal e na nosa paisaxe, nun entretecido de ríos, serras e montes que van dende o Pico Sacro a lugares afastados da Baixa Limia, pasando pola Fonsagrada, o castro de Baroña ou as dunas de Corrubedo.
Este libro é un fermoso canto á paisaxe, á terra, á lingua, ás lendas, á transmisión xeracional dun herdo inmenso coma o noso, xa patente en Máxico tear natural ou Retorno a Natura.
Lobato é un estupendo paisaxista. Máis que escribir, pinta. Máis que lapis, usa paleta. Unha novela escrita cun galego eufónico, musical, cunha prosa que reborda lirismo. E máis que o argumento ou a historia en si, o que interesa deste Elos de cinza son esas inspiracións que fan que o texto estea máis preto da poesía que da propia narrativa.
Un libro diferente, a xeito de fábula, para lermos, pois, en voz alta, para amarmos aínda máis a nosa lingua, a nosa paisaxe e as nosas lendas.
«Elos de cinza»
Xosé Manuel Lobato (Ézaro Ediciones)
126 páxinas