La Voz de la Escuela premiou a Marta López Villar, alumna do Campo de San Alberto, por unha entrevista relacionada con Rosalía de Castro
30 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Avilés de Taramancos, María Mariño, Manuel Fabeiro, Xosé Agrafoxo... A relación de grandes escritores de Noia que deixaron unha fonda pegada na historia galega das letras é longa e semella que non vai parar de medrar. A esta lista selecta hai que engadirlle autores que están a día de hoxe producindo e promesas que desde as aulas xa apuntan maneiras. É o caso de Marta López Villar, unha alumna de segundo de ESO do instituto Campo de San Alberto que ven de facerse cun dos premios concedidos no marco de La Voz de la Escuela, un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.
A alumna figura na lista dos mellores xornalistas xuvenís na modalidade de entrevista, na que logrou facerse co segundo premio. Xunto a ela, tamén aparece o nome da mestra Ana María Campo López, a coordinadora do traballo. As dúas recibirán os seus galardóns na gran festa que se celebrará o vindeiro sábado no parque de Acea de Ama, na localidade de Culleredo.
Marta López, de 13 anos, nunca antes se presentara a un concurso destas características. Tivera un primeiro achegamento ao mundo do xornalismo cando, ao igual que outros compañeiros de aula, preparara un cuestionario para entrevista a Fernanda Tabarés, directora de V Televisión. Para o concurso, elixiu como destinataria das súas preguntas a unha mestra do instituto, Isaura Barcela, e como tema, Rosalía de Castro: «Sabía que a esta profesora lle gustaba escritora e como a min é unha autora que me interesa, decidín elixila».
Algunhas das preguntas
Preguntas como se Rosalía era un referente feminista para o resto de galegas da época ou se foi discriminada polo feito de ser muller foron as que lle valeron a esta moza noiesa para facerse cun galardón que a converte nunha das mellores xornalistas infantís e xuvenís de Galicia do ano. Asegura que o premio lle dá folgos para seguir escribindo: «Tanto os mestres como a familia me animan para que estude Xornalismo».