Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os versos de Valle-Inclán resoaron no seu museo

BARBANZA

Genoveva Hermo e Antonio González arrouparon a Picallo na apertura da exposición de debuxos sobre a torre de Bermúdez.<span lang= es-es > </span>
Genoveva Hermo e Antonio González arrouparon a Picallo na apertura da exposición de debuxos sobre a torre de Bermúdez. FOTOs< / span> dani gestoso< / span>

O sábado os veciños que ateigaron o museo tiveron ocasión de escoitar de novo os versos do autor de Luces de Bohemia

20 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila pobrense segue mergullada na gran homenaxe a Valle-Inclán que todos os anos por estas datas se leva a cabo para conmemorar o aniversario do nacemento do creador do esperpento. O sábado, a través dunha acertada fusión de música e poesía, os veciños que ateigaron o museo tiveron ocasión de escoitar de novo os versos do autor de Luces de Bohemia. A recitadora de Outes afincada en Ribeira Marta Pedrosa foi a encargada de poñerlle son as rimas valleinclanianas, pezas que foi intercalando con poemas da súa colleita mentres Aleixandre Fontán a acompañaba aos teclados. O grupo creativo completouse con Manuel Teira, que nesta ocasión exerceu tamén a arte da palabra, e coa cantante Cris Román, que deleitou ao respectable cunhas pezas de blues. Espectadores como Paola García Paz, pintora e presidenta da asociación Amigos do Museo Valle-Inclán; Plácido Betanzos, político e escritor; ou Manuel Cartea, de Barbantia, seguiron o recital. Houbo incluso quen se viu obrigado a permanecer de pé despois de terse superado o aforo da sala.

Boa parte dos que presenciaron o recital coincidiran o venres en outro espazo cultural da vila, a casa de cultura, onde o ilustrador Héitor Picallo presentou unha colección de debuxos arqueolóxicos sobre a torre de Bermúdez. O artista estivo arroupado polo director do museo Valle-Inclán e comisario da mostra, Antonio González, e pola concelleira de Cultura, Genoveva Hermo. Os actos continuarán o vindeiro fin de semana con literatura e teatro.