Sitio distinto

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

BARBANZA

17 oct 2016 . Actualizado a las 11:38 h.

Cantaban Os Resentidos hai xa décadas aquel Sitio distinto que se fixo tan popular tras o Galicia caníbal, e poucas veces unha canción atinou tanto nunha diagnose do noso país. Namentres Francisco Correa estaba a piques de tirar da manta, do edredón e mesmo da mesiña de noite, na nosa terra andábamos fascinados esgotando dos estantes dos supermercados os novos iogures con sabor a licor café. O que noutro lugar sería unha nova un chisco collida polos pelos, na Galiza toleamos deste chauvinismo festivo do que moi poucos son quen de escapar. Este país pasou tanta fame e tantas penas no pasado que semella que agora tan só queremos saber de cousas lixeiras, e todo o que sexan novas desagradables que nos amosen a realidade na que vivimos preferimos apartalas do noso camiño. Mellor rirnos con iso de que «Álvaro Pino mercou unha Vespino».

Nin tan sequera este que escribe foi quen de escapar das redes do que foi a noticia da semana no Barbanza, aínda que na miña defensa direi que vivín esta nova en primeira persoa debido á relación de amizade que manteño co protagonista. Falo das famosas batas que apareceron na Paquetería Josefina de Boiro, que chegaron a acaparar a portada deste diario deixando a Traviatta de Correa en segundo plano.

Somos unha realidade diferente, un sitio distinto efectivamente, como cantaba Reixa. Preferimos bailar nos coches de choque aínda que o ceo estea a piques de caer sobre as nosas testas. Só nos cabrearemos realmente cando falte un anaco de lacón e un bo licor café de verdade, entrementres: tacón, tacón, tacón, punta, tacón.