Anxo Lorenzo: «Este primeiro posto dáme confianza de cara á Volta a Galicia»

BARBANZA

cedida

O sonense acadou o título peninsular e non descarta lanzarse a pola vitoria nas vindeiras probas autonómicas

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de clubs que lle permitiran demostrar o potencial que atesouraba nas súas pernas motivou que Anxo Lorenzo Segade (Porto do Son, 1994) terminase recalando no Anova-Cortizo de Padrón. A pesar das lesións, que o tiveron anos apartado da bicicleta, regresou este martes pola porta grande, subindo ao máis alto do podio no Campeonato Ibérico. Logo do éxito, o barbancés afronta a tempada con enerxías renovadas e con ganas de seguir derrubando barreiras.

-Nada menos que o campionato peninsular. ¿Como se atopou sobre as estradas de Ourense?

-O certo é que moi ben. Eran uns 75 quilómetros, cun terreo con moito desnivel. Nos últimos tres comezou unha subida moi dura, coñecida como o Alto del Nom Di Deu, dunha media dun 11 % de inclinación e con máximas de 26. Ata aí chegamos varios moi xuntos, pero mantiven o meu ritmo e funme escapando. Cheguei só ata a meta.

-Entendo que o título válelle como reforzo para este curso.

-O certo é que tiña dúbidas do nivel no que podía estar. Este primeiro posto dáme confianza de cara á Volta a Galicia.

-Comezou a parte máis dura do ano. ¿Que metas se marca?

-Gustaríame mellorar o nivel do 2017. Comecei lesionado e non puiden dalo todo. Tratarei de axudar ao equipo no que poida na Volta a Galicia, e se teño a oportunidade de gañar quero aproveitala. Despois do Campeonato Ibérico véxome con forzas para todo. Creo que estou, como mínimo, para disputar ata o final unha carreira similar.

-Un dos seus maiores éxitos foi a Volta ao Albariño do 2015 pero, ¿como empezou neste mundo?

-O certo é que o fixen tarde, con 16 anos. Empecei saíndo co meu pai. Primeiro como cicloturista, logo en BTT, e máis tarde en estrada. Logo pasei dous anos sen tocar unha bicicleta por mor das lesións, pero creo que a progresión é boa. Estou contento.

-¿Como se preparan as estratexias dun club de ciclismo?

-No noso caso intentamos ir en pelotón para protexernos do vento. A partir de aí, búscase que algún compañeiro fuxa para termos sempre xente por diante. Os máis fortes resgárdanse para o final da proba e intentar decidir nos últimos quilómetros.

-A dopaxe é unha rémora que sempre rodea ao voso deporte. ¿Como a ve?

-Creo que estamos na disciplina onde máis controles se fan, de aí que tamén saian máis positivos. É un dos temas no que máis fincapé se pon e eu espero que as análises incluso aumenten. Queremos que os que compiten con trampas acaben caendo, pero é necesario que se endurezan as sancións. Agora se che collen métenche catro ou seis meses, cando debería ser de por vida.

-¿Como definiría o ciclismo?

-Creo que é un deporte dos máis variables que existen, ten un oco para todos. Hai xente que roda moi ben, outros que son máis de subidas... Non existe o ciclista perfecto. Ademais, é unha actividade na que o 80 % é disciplina e co restante xa naces. Non obstante, sen esforzo nunca terás acadado resultados.

-¿Cantos quilómetros pode completar á semana?

-Estou adestrando sete días á semana. Hai veces que cada 20 acostumo a parar un luns. Antes do último campionato, por exemplo, fixen uns 680 quilómetros. Non obstante, tamén é moi importante a nutrición. Somos o que comemos. Ese dito é certo. Unha boa alimentación dáche máis enerxía e permíteche recuperar moito máis rápido.

-Tamén é o presidente do Club Ciclista Sonense. ¿Que metas se marca con esta entidade?

-Creo que é importante que os rapaces teñan un sitio no que adestrarse. Queremos que o fagan, pero sen necesidade de resultados. O importante é que os mozos gocen sobre a bicicleta antes de poñerse metas.