
Foi director do instituto Número Un e concelleiro polo BNG de Ribeira
20 jul 2018 . Actualizado a las 11:48 h.O enorme corazón de Lito Fraga deixou onte de latir. A nova do seu falecemento sentou como «un auténtico mazazo» a todos os que o coñecían e que non daban crédito. O catedrático de Xeografía e Historia naceu en Vilalba, pero fixou a súa residencia na Pobra xunto coa súa muller, Marina, e os seus fillos, Jorge e Daniel. A súa faceta profesional estivo vinculada ao instituto Número Un de Ribeira, no que exerceu máis de dúas décadas, e onde ocupou o cargo de director nove anos. «Era unha persoa que tanto estaba no despacho como arranxando una xanela, facía de todo», confesou Pura Prado, actual responsable do centro.
Precisamente, neste instituto Lito coincidiría coa Rosana Pérez, coa que tamén traballou no BNG, un partido do que chegaría a ser concelleiro por Ribeira entre os anos 1997 e 2000. «Está sendo un verán horríbilis para o BNG da comarca. Eu pensei que despois do de Plácido non habería nada que me afectara tanto, pero non era certo. Eran dous compañeiros aínda novos que se foron moi pronto», recoñeceu.
Tamén Carlos Callón, que ocupou o lugar de Lito no Concello de Ribeira, lamentaba onte a súa perda. «Era unha persoa moi solidaria, moi preocupada de verdade polos desfavorecidos, e a política era unha cuestión secundaria a partir desa solidariedade».
Os seus restos mortais serán velados no tanatorio do Nazareno de A Pobra ata as nove da mañá do sábado.