Lembranza

Xosé M. Lobato ACASOS

BARBANZA

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Liberadas, tentan sobrevoar decorando unha bóveda gris de lilas místicas, ocres intensos, amarelos suaves, marróns murchos, vermellos difusos… son a gran comitiva de caducas no ar.

Novembro, mes de excelencia outonal, na paradoxal decadencia floral, murcha o ánimo, emerxendo con intensidade os recordos en íntima comunicación coa saudade pretérita. Os soutos espidos, as carballeiras fiando no ventre do vento, o xardín colectivo sen arrecendo de seu, e as amizades que traspasaron a liña na memoria.

Mes significativo en Gres así como en todo o universo literario galego e universal. Nese patrimonio inmaterial que sobrevoa coma feitizo de primoroso enxoval encontramos a extensa obra de Neira Vilas.

Pepe, nado un 3 de 1928 e finado un 27 de novembro de 2015, debe permanecer na memoria colectiva sempre, especialmente neste seu mes. No presente ano, a súa fundación declarou o 3 de novembro como día de Neira Vila; e con tal motivo desenvolvéronse diferentes actos, de forma especial nos centros educativos de Galicia.

Imaxinación e creatividade de docentes e discentes, diversas actividades para lembrarmos ese grande mestre de cátedra. O neno Balbino escolarizou varias xeracións de galegos e galegas na súa lingua nai, e hoxe con 58 anos segue sendo imprescindible nas aulas. Un Balbino que dende a súa lingua logrou conquistar e falar preto de medio cento, o neno máis políglota da literatura galega, un auténtico fito sen parangón na escrita feita e vivida en Galicia. Dende o rural, nunha ribeira do Ulla embruxada pola sinfonía das augas, nas insuas de Gres o vate petrificou o seu doce e melodioso cantar: «Auga, pedra, sol e vento / aquí a ledicia é tanta… ».

Un cantar desta terra, himno inmortalizado por Pepe, así como Memorias dun neno labrego, Espantallo amigo, O cabaliño de buxo, Romaría de historias

Obra inmensa, amor profundo á terra, patrimonio único: eis o gran legado do vate de Gres. A súa grandeza versa nese inmenso tratado de psicoloxía rural, e nunha obra inmorredoira. Inmortal Neira Vilas.