De viños pola Ribeira Sacra

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día despois da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra como BIC, estes 180 quilómetros cadrados lindeiros entre Lugo e Ourense son xa candidatos oficiais a Patrimonio Mundial da Humanidade 2021, froito dos seus caldos con máis de 2000 anos de historia e decantación.

Un embriagante artefacto esta Expo Gallaeciam Vinum Ars, que Arte GuiGlo nos ofreceu no Centro Empresarial do Tambre, en Santiago, acompañados do Chef Manuel Neiro e a súa habelencia culinaria. Un proxecto artístico «ecléctico e diverso» en sensacións, gustos, praceres e aromas que o viño produce, só ao alcance duns sibaritas do padal e do pincel como é este creative binomy.

Un bo día, Gloria López Paz e Guille de la Paz saíron de peregrinaxe por eses bosques de igrexas e mais mosteiros románicos que manan das bocarribeiras da Ribeira Sacra. Un «viacrucis» etílico e impenitente polas sagradas adegas das cinco subzonas, isto é, Chantada, Ribeiras do Miño, Amandi, Ribeiras do Sil e Quiroga-Bibei. Como premio, o nirvana, a contemplación, logo transmutada en óleo pintado.

Viticultura heroica

Porque a creación ten moito de extrema viticultura heroica, ou de montaña -con ata o 60 % de desnivel a salvar, con cestos de 70 quilos ao lombo-, sublime elixir madurado en paisaxes antrópicas, humanizadas. Os «tintos de Galicia» por excelencia, o «ouro líquido do Sil», dende os romanos. E moita dedicación, ilusión e constancia -alla maniera di Aosta, Mosela ou Banyuls- ata esmelgar etiquetas distintas e propiedades afíns.

Eliximos, de entre todos os cadros expostos, a obra -de Guille- De viños pola Ribeira Sacra, un óleo de 100 X 81 centímetros, vigorosa paisaxe de tons azulados en curva que representan os canóns do Sil. No triángulo superior, o sol que proxecta a luz e, coas tonalidades avermelladas, ocres luminosos, verdes intensos e brancos, dá vida ás distintas clases de uva da zona.

Os divinos tintos mencía, monovarietais ou ben en coupage con brancellao, merenzao, sousón, caíño tinto, tempranillo, garnacha e a mouratón; ou os brancos godello, loureira, treixadura, dona branca, albariño, torrontés e caíño branco. E, no fondo do vaso, como inspiración, a abstracción de Kandinsky, e a xeometría de Albers e Mondrian.

Adegas e cadros de grande e pequeno formato. Pincelada sostida, viños e lenzos froiteiros -améndoa, cereixa, tomiño, carballo, grafito-, aromáticos, amplos, complexos, intensos, de controlada acidez e mineralidade aguzada, que se expresan cun gran potencial de crianza, e ganan en composición, redondez e estrutura. En vaso ou en lenzo, con ilusión e desvelos, vivas obras de arte en boca, nariz e ollada. Morbideza elegante, ebriedade de viño e pintura, música e cor, sabor e aromas: unha sinestesia sensual dos sentidos.

Un viño -ou arte- que escoita o peixe cantar nas beiras do Sil e, canto máis o bicas, máis sede che dá. Un río que o autor insinúa en serpe entre pinceladas de guinda e amorodo, con reberetes granates, como un borrancho de bágoas na bébeda aba da copa.