Antía Brey: «Estou nun momento abstracto, prefiro gozar da pintura que copiar a realidade»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Percorreu mundo para formarse e agora, de volta na Pobra, amosa as súas obras

27 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Antía Brey é unha moza de 29 anos da Pobra que non renuncia ao seu soño de facer da arte o seu modo de vida. Fíxose a si mesma polas experiencias que foi vivindo no seu camiñar e destaca que «sempre me chamou o excéntrico, a fantasía. Interésame o patrimonial a todos os niveis. Desenvolver esa sensibilidade xunto coa hiperactividade creo que foron os ingredientes que fixeron o que son». Esa mestura e as súas viaxes foron as que lle acabaron de espertar o seu interese pola arte: «Empecei a ser artista en Miami, porque vin que era accesible e que pode chegar a ser unha profesión».

A pobrense estudou Traballo Social e ao rematar a carreira fixo un máster de xestión cultural. «Quixen ir máis alá do enfoque habitual desta actividade. Interésame máis a cultura como punto para a evolución social». Cando o finalizou puxo rumbo a Edimburgo para mellorar o seu nivel de inglés, pero ao ter familia en Miami decidiu cruzar o charco para pasar alí tres meses: «Estaba nun museo e oín falar a unha rapaza sobre un curso de arte que trataba sobre facer debuxos cunha máquina de coser. Aí comezou a miña etapa de materializar ideas».

Cando esgotou o tempo máximo do seu visado en Estados Unidos regresou a Escocia para traballar nun restaurante, pero polas tardes «ía a unha antiga igrexa na que había diferentes materiais e podía experimentar. Fixen un proxecto fotográfico no cal fun escribindo palabras con, por exemplo, fío ou adhesivo por diferentes puntos da cidade. Buscaba o lugar e todas as palabras estaban relacionadas coas sensacións que senten os emigrantes cando chegan a un novo destino», explica Antía.

O espertar

Estando na cidade escocesa residiu nunha cooperativa de estudantes: «Eran rapaces que se organizaban segundo uns valores cos que eu concordaba e foi unha experiencia moi enriquecedora e creativa». Pero Brey tomou a decisión de poñer rumbo aos Alpes italianos para traballar nunha fundación con adolescentes e ter «unha época máis calmada». A súa inquedanza fixo que se trasladara a Madrid un ano despois e tivo a sorte de atopar un emprego no museo do Prado: «Fascinábame o moderno, pero estar alí, sobre todo cando xa estaba pechado e estabas a soas cos cadros, fixo que me abrira de cheo ao mundo clásico».

Para seguir formándose comezou a estudar outro máster no Círculo de Bellas Artes, que non rematou porque atopou outro traballo. «Foi algo fantástico, porque era nunha fundación privada e puiden ver como é a xestión e como se conseguen as cousas. É moi duro».

As condicións económicas e o cara que pode resultar o feito de residir unha gran cidade fixeron que regresara a Galicia para «preparar unhas oposicións e continuar pintando».

E na súa vila natal logrou expoñer as súas obras, cunha mostra titulada Amorfa: «Estou nun momento abstracto, prefiro gozar da pintura que copiar a realidade, paréceme máis interesante sacar a emoción do corpo. Chameille Amorfa porque é unha palabra que non existe, xa que todo ten forma. Xogo coa cor e a xeometría».

Un sector complicado

«Interésanme os museos porque teñen un punto social moi forte. Agora estou buscando estabilidade, pero o día de mañá gustaríame traballar neles. Soño con museos ou galerías. A arte é o que sobrevive na historia, fainos ver a onde se dirixe a sociedade», comenta Antía, que tamén recoñece que «en España é moi difícil ser artista. Hai moita xente con talento que malvive».