O noiés busca seguir medrando nas artes marciais e soña con formar parte da selección española
28 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Martín Iglesias Rial (Noia, 1999) comezou a formar parte do ITF Noia sendo un neno. Taekuondo e kick boxing foron as súas disciplinas predilectas, onde amosou ao mundo o seu talento innato. O barbancés vén de alzarse campión da Liga Nacional de Kick Boxing, éxito que lle dá pulo para os retos que ten por diante.
-Felicidades polo título. Como foi o camiño para acadalo?
-O certo é que estou moi contento, non mo esperaba. Era unha liga de varios torneos ao longo deste ano, neste caso foron cinco xornadas. Cheguei á última en terceira posición e pensei, a ver se me manteño aí, pero saíume todo perfecto. Competín en cinco categorías e remontei.
-Cinco categorías? Non supón moito desgaste?
-[ri] Foron ao longo de todo o día, con asaltos de un minuto e medio. Hai desgaste, pero saíu todo redondo, que fora mellor sería imposible.
-Como preparou a tempada?
-Cheguei nun bo momento, porque xa viña de disputar o Mundial de Taekuondo ITF en agosto. Neste caso tiven fortuna nos cruces e nos combates. Xuntáronse a preparación e a sorte.
-Destacou no kick boxing, pero o seu é o taekuondo, non?
-Comecei no taekuondo no 2005, con 6 anos. E ata o momento nunca parei, sempre estiven competindo e adestrando.
-E en que disciplinas compite?
-Estou en taekuondo ITF, kick boxing, e logo en especialidades como loita en tatami e ring.
-Cal lle chama máis?
-O combate de taekuondo. No kick boxing, a modalidade que máis me gusta é a de light contact, que é máis parecida ao outro. Non se empregan tanto os puños e penalízanche menos se saes do tatami.
-Chámame a atención a importancia da filosofía na práctica das artes marciais.
-Para nós, é unha parte moi importante. No que máis nos esforzamos é en transmitir os valores de cortesía e integridade. Na competición tamén se ven. Ca xente ca que mellor te levas é ca que máis pelexas.
-Pecha a tempada, cales son os obxectivos para a seguinte?
-Para min, a meta máis grande é entrar na selección española, vou intentar acudir a torneos internacionais porque contan moito de cara ao combinado nacional. Despois tamén quero gañar o campionato de España.
-Tamén estivo no Mundial. Que tal lle foi?
-Participei en dúas modalidades, en combate e en formas. Nesta última pasei a primeira quenda contra Hong Kong, e caín na seguinte contra Rusia. En combate gañei dúas quendas, e perdín en oitavos contra Bulgaria. Foi unha boa experiencia para seguir sumando, para ver o nivel internacional e para comprobar onde me atopo.
-Que opina da división entre o taekuondo olímpico e o ITF?
-Penso que é unha parvada, ao final é todo política. Existe un problema, que son dous taekondos diferentes, con distintas formas de pelexar. Pero estaría ben xuntalos, cada un mantendo as súas regras, pero todos na mesma federación.
-Como debe ser un bo loitador?
-Ao final, os que gañan son os que teñen a cabeza fría. Precisas axilidade, pero tamén forza e boa forma física.
-Que saúde lle ve ao ITF Noia?
-Pois creo que é unha das escolas con máis rapaces pequenos, e a impresión dos pais é boa. Non só se pensa en competir, senón en que aprendan a ser disciplinados, atentos e a respectar ao resto de compañeiros.