«O coronavirus obríganos a estar sempre en garda para protexer aos cidadáns»

M. A. RIBEIRA

BARBANZA

carmela queijeiro

24 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde comenta que o primeiro que fai cada día, antes de chegar ao Concello, é visitar obras que estean en marcha. Faino entre as oito e as nove da mañá. Gusta de percorrer o termo municipal para coñecer os problemas, e vai ás aldeas, nas que intenta pasar desapercibido. Así está ao día de todo e élle máis doado coñecer as necesidades. Ten unha carpeta por cada petición veciñal, na que vai anotando os pasos dados, e acostuma advertir aos seus paisanos de que as cousas, nas Administracións, requiren tempo. E falando de tempo, ten a mesma sensación de impotencia de todo empresario que chega á política coa lentitude da xestión pública.

-Pódese levar un concello como unha empresa?

-Si, estou convencido de que si. Opino que a Administración tiña que funcionar como unha empresa, porque desta forma sería moito máis eficaz. Non son xustificables os tempos que se empregan en determinados trámites. Se as empresas fosen tan lentas nas súas funcións, terían que pechar. A Administración ten que ser máis áxil, porque a súa lentitude repercute en todo: na economía, no benestar...

-O coronavirus está a influír no funcionamento do Concello, na súa xestión?

-Si, está a influír en todo, porque o coronavirus obríganos a estar sempre en garda para protexer aos cidadáns, a investir cartos que non estaban previstos porque agora, o urxente, son as persoas, a saúde, e estamos a facer todo o que podemos para evitar que o virus faga máis mal do que ten feito.

-Como se están a portar os boirenses? Cumpren as normas?

-A gran maioría si as están a cumprir. Sempre hai excepcións, como en todas as situacións, pero creo que se están portando ben.

-Hai moitos casos de emerxencia social?

-Os que hai están localizados e atendidos. Tivemos a gran sorte de ter actuado antes de que se rexistrase a pandemia. Nada máis chegar, xuntamos a Cáritas, Cruz Vermella e Servizos Sociais para tratar de unificar criterios e facer máis eficaz as axudas poñendo ao departamento municipal como coordinador principal. Estamos moi contentos de como está funcionando ese entendemento, e penso que as organizacións tamén o están. Cando se declarou o estado de alarma e empezaron as emerxencias sociais, xa tiñamos un camiño andado e está a repercutir nos boirenses que necesitan de axuda.