A campaña de veraneo dos do interior ás praias mudou moito nos últimos cincuenta anos. Sempre houbo quen botaba un mes nunha casa arrendada, e sempre houbo quen ía á praia só nas fins de semana. Ámbolos dous grupos facían amizade para sempre.
Os que pasaban tempo no lugar compraban os alimentos aos nativos, tanto o peixe como as patacas, as verzas ou a carne. De feito non levaban coche á casa de veraneo. Os que acudían na fin de semana armábanse de fiambreiras (hoxe tupper) co xantar do día, manteis que estendían no chan e, posteriormente, cadeiras e mesa de encartar. Buscaban o acubillo das árbores para dispor os coches arredor do espazo de xantar, paroleiro e descanso, sempre á sombra. Ao rematar o día, todos os restos de comida e envases gardábanse no maleteiro e volvían para a casa; non había colectores do lixo, nin se necesitaban, pero non ciscaban na natureza as bolsas plásticas, papeis ou restos orgánicos.
As praias non tiñan bandeiras, tampouco eran necesarias. Non tiñan socorristas, porque tampouco se necesitaban. Os nenos xogaban libremente na area, na auga e nas rochas, e cando ferían un pé ou perna, metíase no mar e curaba. Xogaban entre as gamelas en activo, pero tamén entre madeiras vellas de bateas e barcos, abandonadas no mar. Formaba parte do atractivo desas paisaxes que recordan O neno das piñas, de Castelao. Non había accidentes, salvo algún que facía o tolo.
Os máis vellos ata collían berberechos para o arroz, que levaban para a casa, apenas un ou dous quilos. As Sinas foi a praia na que eu pasei a miña infancia, como calquera outra.