Patios interiores

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A salubridade e calidade de vida son dous parámetros que se colan na palestra das preocupacións dos cidadáns, que buscan no rural unha fuxida dos confinamentos urbanos das vilas e cidades, que poderían ser de maior calidade se houbera un urbanismo programado e consciente. Localidades como Boiro, Carballo ou A Estrada desenvolveron planeamentos expansivos, hai 40 anos, que miraban cara ás rúas, deixando de costas o interior dos quinteiros. Hoxe, os inmobles destas -e moitas máis- localidades galegas presentan horrendas fachadas interiores que, en moitos casos, son a paisaxe das vivendas, deixando nas mans do mercado o uso e volumetría do espazo interior, hoxe cheo de chatarra, de naves sen ordenar, de uralitas e cubricións sen gusto.

De nada serviron as experiencias urbanísticas dos Países Baixos, das cidades soviéticas de hai cen anos, nin sequera do barcelonés Plan Cerdá do século XIX, seguramente porque o urbanismo galego estivo en mans de enxeñeiros, seguramente porque as directrices marcáronas directamente os alcaldes, ao servizo da especulación do propio pobo.

Perdeuse a oportunidade de ter espazos con árbores no interior, afastados do ruído das rúas, que hoxe serían lugares de lecer dos pequenos ou de lectura e conversa dos maiores. Podía haber no interior dos quinteiros pulmóns que melloraran o aire e a saúde dos que viven nas vivendas do redor. Aínda é posible telo en conta en novos barrios ou desafiuzar algúns interiores non construídos, pero cómpre unha revisión dos plans urbanísticos e facer xestión urbanística.