Atlántica

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

24 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despídome desta columna ata outono para falar de historias. Non miñas, senón de todos. Historias fermosas en lugares únicos da nosa comarca. Este verán temos a sorte de que o Festival Atlántica de Narración Oral, que xa vai pola súa novena edición, chega á nosa comarca, cunha programación de balde, en espazos abertos, e dirixida a todo o público en xeral. Grandes contadores de relatos que van contar para nenos e familias, por unha banda, e adultos pola outra, en grandes espazos do noso patrimonio comarcal, tanto histórico como natural. Encher de novas historias espazos queridos da nosa tradición.

Deste xeito, Cándido Pazó contará o 4 de xullo (21.00 horas) no castro da Croa de Posmarcos, e será a primeira vez que se organice un acto público nese sitio arqueolóxico desde os tempos de Breogán. O mesmo día, e á mesma hora, o polifacético Xurxo Souto contará as prodixiosas historias de O retorno dos homes mariños no castro da Cidade de Ribeira. O 8 de xullo, Paula Carballeira actuará no parque da Punta do Castro, tamén na capital barbancesa (21.00), e o 9 de xullo o prodixioso contador zamorano José Luis Gutiérrez, Guti, lembrará historias de lobos na Portela, no medio da serra do Barbanza, ás 21.30 horas. Por último, o venres 13 de agosto, Xurxo Souto, na terraza do Náutico do Freixo de Outes, retornará cos seus homes mariños.

Sesións marabillosas en espazos únicos da nosa comarca. Podedes inscribirvos na páxina web www.festivalatlantica.gal, indo á sección de programa. As prazas están voando xa. Que non se diga que non avisei!