Leis que matan

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

07 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O noso corpo lexislativo debería ser moito máis reducido e con normas máis sinxelas, que non deran lugar a interpretacións, con menos artigos. En primeiro lugar, porque se contradín entre elas, e sobre todo porque quen as interpreta non coñece o espírito do lexislador.

Un exemplo é a que establece que os peches rurais deban retirarse catro metros do eixo dos camiños, o que significa que entenden que esas vías deben ter oito metros de cumprimento, que máis parecen estradas xerais que camiños rurais. As leis ignoran eses camiños delimitados por muros de pedra en seco, cuxa técnica foi declarada patrimonio da humanidade, e que segundo interpretación de algúns técnicos, deben desaparecer porque non están a catro metros do eixe.

Considerar que os camiños entre valados deben desaparecer é, como cos emparrados sobre eles, botar a perder a propia esencia do noso rural, a identidade e a tradición.

Non é que teñamos que circular con carros turrados por vacas, como hai anos, pero si debemos chegar ao pormenor antes de xeneralizar, na procura de rurais atractivos. Non se trata de permanecer no pasado, senón de non ignoralo e tratalo como un lugar urbano.

Todo isto xorde porque as nosas leis urbanísticas veñen arrastrando a súa inspiración nas leis españolas xeneralistas, e Galicia non é Aragón nin Murcia, e require un tratamento diferencial. O problema increméntase cando esa interpretación chega ao corazón das aldeas, onde non se debe introducir un urbanismo urbano. Ningún valado tradicional debe ser demolido, nin emparrado, nin nada tradicional que poida adaptarse.