Máis verde

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven a honra de ser convidado a unhas xornadas en Noia sobre as novas liñas europeas sobre os fondos New Generation, un exclusivo curso de catro relatores e sete alumnos, entre eles o propio alcalde. A materia sobre a que versou foi a infraestrutura verde, que ven sendo como corrixir algúns erros cometidos no pasado, subvencionados pola Unión Europea.

Recuperar brañas e humedais colonizados polo cemento é un exemplo do que dende Europa nos van pagar, sempre que o motivemos e xustifiquemos convenientemente. É como se nos subvencionaran por derrubar edificios incoherentes baixo a bandeira da loita contra o cambio climático, é como un proceso de converxencia coa civilización verde.

Manter bolsas verdes conectadas por corredores ecolóxicos ou limpar montes de eucaliptos para reforestar con autóctonos son outros exemplos de como recuperar a biodiversidade necesaria para a nosa saúde e supervivencia.

Necesitamos absorber o carbono que producimos e almacenalo, e para iso precisamos plantar árbores que non teñan ciclos intensivos: os eucaliptos non serven para esa función, porque se cortan cada quince anos e volvemos a espallar o carbono acumulado. Outra das estratexias subvencionables é levantar o asfalto, o cemento e a pedra e substituílos por verde: vías verdes, xardíns de choiva, corredores saudables.

Todo o que os españois consideramos progreso durante moito tempo é un atraso medioambiental que incide negativamente na nosa saúde e favorece as nosas catástrofes. Como dixen moitas veces, as vilas asoláganse por non deixar que a natureza sexa libre, como quere ser.