Valle 2.0

La Voz

BARBANZA

Marco Bravo

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me chamou a atención o snobismo de certos articulistas ao vernizar situacións cotiás e presentalas como vivencias literarias inalcanzables para o resto de mortais. Pero como teño dezaoito anos e a miña vida está moi lonxe de resultar interesante para un adulto terei que tragar as miñas palabras, porque todos somos un pouco hipócritas cando nos interesa.

O outro día volvía de Santiago a Rianxo en bus cando escoito unha voz que me soa familiar. De súpeto penso, será el? Non pode ser... Invádenme as dúbidas. Desenvaíño o móbil e busco fotografías en internet. As lentes coinciden, o cabelo é o mesmo... En efecto, ten que ser el. Mándolle un whatsapp aos meus amigos:

Ei! Vou en bus e no asento de diante está Quico Cadaval!

Recoñézoo, sentíame como se estivese con Leonardo DiCaprio. O deus da dramaturxia galega iluminábanos coa súa presenza e ninguén se inmutaba. Comezo a ensaiar mentalmente o que lle vou dicir pero colle o móbil e fala por teléfono todo o camiño. Merda, penso, terei que conformarme cun simple saúdo. Cando baixo do bus segue parolando, así que, sen pensalo, quedo chantado diante del obstruíndo o paso, sorríolle (coa máscara posta) e saúdoo con total naturalidade. El, sorprendido, devólveme o saúdo como se fósemos os mellores amigos da infancia. E gústame pensar que pola noite non puido durmir de tantas voltas que lle daba a aquilo.

Ao día seguinte recibo a notificación pendente do meu amigo:

Pois non sei quen é ese tipo... Un filósofo?

Quedo estupefacto porque o rapaz é de Ribeira. Será tan coñecido como pensaba? Non sei que responderlle, e talvez por ese motivo conclúo laconicamente:

É o Valle-Inclán 2.0

E quizais el botaría as mans á cabeza se me oíse. Supoño que non chegará a ler nunca este artigo pero, se o fai, que saiba que pode descansar tranquilo a partir de hoxe: non son ningún psicópata. Só quero transmitirlle que estas liñas son un saúdo en diferido, que admiro a súa obra, e, non menos importante, que Víctor Mosqueira xa peitea canas e eu son un actor na flor da vida. Espero que saiba ler entre liñas, señor Cadaval...