Visións

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

08 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A mirada dunha persoa depende de moitos factores, como a lectura, as viaxes, pero sobre todo a contorna na que se desenvolve a diario. Ese é o verdadeiro motivo polo que non concordamos como debe ser ou como se pode mellorar un lugar.

Así é como temos distintos modos de pensar o rural os urbanitas e os ruralistas: Os primeiros, trala experiencia de viaxar a outros lugares, ven o rural como un territorio aldraxado, cheo de cacharros e trapalladas, cheo de ladrilladas e bloques, cemento, asfalto e cemento.

Temos unha visión estática do rural, a propia dun turista: todo ordenado e no seu lugar, como se dunha exposición se tratara, e comparámola con rurais doutros países máis cultos e botámonos as mans á cabeza porque é un colaxe sen orde nin xeito, moi distanciado do bucólico rural tradicional, o das casas de pedra e madeira, dos regatos limpos, dos valados de pedra e dos camiños con poxados.

Os sufridos habitantes do rural herdan o hábito de utilizar os recursos máis económicos, e moitas veces botan man de materiais alleos á contorna para conseguir sobrevivir dignamente. Claro que se diferencian doutros países porque Galicia sufriu a ruptura da cadea de custodia da tradición, porque este país foi orfo de cultura e de asesoramento conveniente, e da continuidade dos oficios tradicionais. Houbo un cambio de paradigma que arrastrou a tradición cara a un futuro pouco florido.

Hai que parar, reflexionar, aconsellar e formalizar un pacto que impida que desapareza o tradicional, pero é algo estrutural e non se conseguirá dende os despachos. Hai que baixar á rúa.