Coches vellos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

15 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O que máis e o que menos ten un coche matriculado antes do 2006, ou coñece persoas nesa situación. Agora, baixo a escusa da batalla contra o cambio climático, non lles van permitir a entrada ás cidades, a partir do vindeiro ano.

Este imperativo lévanos a varias reflexións: a primeira implica desfacerse de millóns de automóbiles en pouco tempo, coa pegada de carbono que representa, que nada favorece esa batalla que buscan.

A segunda, e non menos importante, é ignorar a situación económica deses milleiros de familias ás que obrigan a cambiar de coche, por un eléctrico, pouco probado e cos días contados? Onde está a empatía social? Non teñen en conta tampouco os autónomos que, a duras penas, poden manter unha furgoneta antiga.

A terceira é improvisar unha medida letal sen ter alternativas de transporte público fiables. Imaxinan facer unha xestión na Coruña ou Vigo collendo un autobús urbano coas liñas que hai? Non hai estratexias de transporte global en Galicia, pero tampouco as hai nas cidades galegas, e o transporte non se adapta á nosa territorialidade.

Pero, como en moitos asuntos, aquí somos de flaxelarnos para salvar o mundo, cando a situación é moito peor noutros lugares. Cando estiven en Cuba, ningún coche tiña menos de 50 anos, e ratifícase a mesma situación en Venezuela. Nos Estados Unidos non lles treme o pulso para usar coches de alta contaminación, incluso para percorrer douscentos metros.

Nas mesmas cidades nas que van prohibir os coches antigos non paran de cortar árbores cada semana, sabendo que absorben a contaminación. Que nos contan?