Mimetismos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

27 sep 2022 . Actualizado a las 10:09 h.

O mimetismo é unha tendencia de certas persoas a imitar comportamentos e hábitos doutras persoas, e moitas veces é un síntoma de falta de personalidade propia. Dáse en todos os seres vivos.

No eido do urbanismo e do territorio estase comprobando: proliferan os bancos para facerse autorretratos e para ver a paisaxe, tamén as randeeiras, e ultimamente o nome das localidades en letras grandes. É como unha pandemia, faino un alcalde e reprodúceno moitos outros, perdéndose a orixinalidade.

Na edificación sucede o mesmo: ponse de moda un tipo de casa ou edificio, e repítese ata a saciedade, sen chegar a ter a personalidade que acadaron outros movementos como o modernismo ou o racionalismo, onde cada autor tiña unha serie de elementos singulares que definían cada deseñador. Ás veces tamén o observamos nos que seguen fielmente a un mestre, tanto na pintura como na escultura, e sen dúbida na arquitectura. Uns crean estilo propio e outros cópianlle, e xeralmente quédanse co superficial e anecdótico, sen afondar máis, porque senón sería un plaxio.

O problema é cando o mimetismo se produce sobre algo mediocre, mal pensado, cos materiais inadecuados ou mal encaixado na paisaxe, que fai que se cree un ambiente no que medran as persoas dende a nenez, derivando nunha especia de síndrome de Estocolmo, que defenden a morte fronte ás críticas externas.

Témolo comprobado en certas localidades afastadas do cosmopolitismo. Fan piña para defender o ambiente no que foi medrando a colectividade, sen apenas contacto con outros modos de asentamento, e péchanse.