Choqueiros

BARBANZA

16 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días de entroido a xente do interior de Galicia presume con orgullo das súas máscaras. E fan ben: son unha absoluta marabilla. Desde a costa, tendemos a velas tan atractivas e visuais como disfraces moi elaborados, bonitos e tamén atávicos. Facémolo porque comparamos o seu entroido co noso, onde a festa xa se rexe por coordenadas distintas.

Logo cando vas á montaña ou ao val de Verín, cando sabes e ves as máscaras correndo soas polo alto do monte, ás «mázcaras» de Manzaneda xirando sobre si mesmas durante horas como derviches turcos ou a grupos que repiten sen cesar durante días enteiros a mesma acción en bucle decátaste de que hai algo máis, de que o entroido é unha cadea moi profunda de rituais e crenzas por debaixo das risas

Pregúntome se na costa o noso entroido sempre foi semellante ao actual, convivindo os choqueiros, vestidos coa roupa vella do baúl do avó, coas comparsas que foron aparecendo nas cidades galegas no século XIX.

Ou se, pola contra, nalgún tempo remoto, o noso entroido pareceuse a estes do interior. E logo reparo nesa palabra que vos dixen antes. Choqueiros. «Choqueiriños do Castelo!», berraba a miña avoa da Pobra do Caramiñal cando iamos polas casas pedindo filloas. Reparei nesa palabra. Choqueiros. Que vén de «chocas». As campás que leva o gando.

Campás como as que levan os cigarróns, os peliqueiros e tantas figuras do entroido rural europeo. Constatei de novo unha verdade: o que os escritos non preservaron, aínda está agachado na nosa lingua.