Día Internacional da Muller

Mariscadora do sector de a pé de Cabo de Cruz

BARBANZA

Caixa de correo dunha mariscadora de a pé de Cabo de Cruz

08 mar 2023 . Actualizado a las 10:40 h.

No 1945, a Carta das Nacións Unidas converteuse no primeiro acordo internacional que establece o principio de igualdade entre mulleres e homes. O Día Internacional da Muller, que comezou a conmemorarse pola ONU no 1975 e dous anos máis tarde foi proclamado pola súa asemblea, atopa as súas orixes nas manifestacións das mulleres que, especialmente en Europa, reclamaban a comezos do século XX o dereito ó voto, mellores condicións de traballo e a igualdade entre os sexos.

Feminismo segundo a RAE é a doutrina social favorable á muller, a quen concede capacidade e dereitos reservados antes ós homes. Movemento que esixe para as mulleres iguais dereitos que para os homes. Machismo segundo a RAE é a actitude de prepotencia dos varóns respecto das mulleres. Forma de discriminación sexista caracterizada pola superioridade do varón.

Partindo destas premisas, que a día de hoxe se sega vilipendiando, insultando, menosprezando e discriminando a un colectivo tradicional e maioritariamente composto por mulleres dun sector tan importante en Boiro como é o do marisqueo a pé resulta insultante. Na confraría de Cabo de Cruz, o sector do marisqueo a flote pisotea diariamente ó da pé mediante o sistema que ten establecido a confraría á hora da pesaxe. Aquí atopámonos co anacronismo de que os homes teñen o dereito de pesar antes cás mulleres na lonxa, sen ningún tipo de xustificación. O sector do marisqueo a flote está formado por 91 membros, dos cales só 15 son mulleres, fronte ao do marisqueo a pé, formado por 194 membros, dos cales 67 son homes, que se benefician do labor dun empregado da confraría, ó que sostemos todas/os coa porcentaxe que deixamos na confraría dos nosos ingresos (sendo o sector da pé o que proporciona arredor do 80 % de ditos ingresos), que ten orde de pesarlle primeiro ós membros do sector da flote; mentres o colectivo da pé ve como pasan por enriba del e mesmo tivo que mirar de pór a unha das súas integrantes na lonxa a pesar para poder adiantar traballo e así poder faenar máis días ó mes, xa que dependen dos horarios das mareas e hai que facer números para poder ter pesado antes da hora da subasta.

Este sistema estableceuse por acordo da xunta xeral, na que hai maioría do sector de a flote. Cousa curiosa que o sistema electoral lle dea o mesmo número de representantes a un sector có outro, tendo en conta que un case duplica ó outro. Este problema deriva das leis que se van perpetuando no tempo.

Non podía deixar pasar tan sinalada data sen denunciar esta discriminación e a pasividade do goberno local. Parece incrible que a día de hoxe este tipo de actitudes se sigan permitindo. Un problema de organización interna tamén o foi no seu día o escravismo, o traballo dos menores, a inexistencia de atención sanitaria laboral, o abuso dos directores e/ou donos das empresas… e todo iso foi quedando atrás co decorrer dos anos. Mais a manifestación do máis rancio machismo leva perpetuándose na nosa confraría dende hai arredor duns 25 anos. É dunha tristura tremenda vivir no século XXI e ter que estar sufrindo este tipo de cousas día tras día. Mágoa me dan as vindeiras xeracións. Una mariscadora do sector de a pé de Cabo de Cruz