Responsable

BARBANZA

08 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día coñecín un lugar fermoso e único no Barbanza, case descoñecido. Fixen dous actos reflexos: tirarlle unha foto co móbil e abrir as redes para compartilo e contar a súa abraiante historia humana. Ata que me volvín a fixar na foto e pensei: que instagrameable é. Foi pensalo e visualizar ducias de imaxes nas redes con xente tirándose fotos aí, sen entender por que ese lugar é importante, e o que representou para xeracións. Borrei todo e pechei o móbil. E sentín algo que non agardaba: alivio.

Os xornalistas levamos na propia definición do noso oficio a comunicación do extraordinario: das persoas, das historias e dos lugares. Fágoo no meu traballo e tamén no tempo libre. Compartir lugares importantes do noso patrimonio cultural como un xeito de defensa low cost dese lugar: porque en Galicia en canto un lugar é coñecido comeza a estar protexido. Pero tamén o pracer de contar unha experiencia que paga a pena: un restaurante ou un bar, unha igrexa aberta pola xentileza dunha veciña.

O impacto das recomendacións, ata agora, estaba máis ou menos controlado. Pero na fase actual das redes todo cambiou e ás veces as consecuencias poden ser enormes: saturar un espazo, baleiralo de sentido, provocar molestias á veciñanza. Ou facendo que aquel restaurante do que tanto gostabas se volva inaccesible para ti, porque o seu prezo subiu moito máis que o teu salario.

Estamos nunha nova fase na que deberamos ser máis responsables á hora de contar o extraordinario, para non volvelo ordinario.