Aprimeiros de xullo, a Xunta de Galicia publicará a orde que regulará o acceso a tres illotes da ría de Arousa moi importantes na memoria e na identidade dos habitantes da ría de Arousa e, en especial, do Barbanza: os Guidoiros, Areoso e Pedregoso, e a Illa de Rúa. Respóndese deste xeito ás peticións de diferentes colectivos e ao Concello da Illa, que demandaba medidas para protexer estes espazos.
Non dubido de que no caso de Areoso, a presión humana era insustentable, pero a decisión deixoume algo frío. Vanme entender: gozabamos con navegar ao desvío pola ría, celebrando a amizade, e valéndonos dos valores da nosa vella cultura mariñeira polos que o mar non tiña fronteiras. Aínda que a decisión a toma o noso propio goberno de xeito razoado, a restrición fai que eses lugares xa deixen de ser, en certo xeito, nosos. No fondo, máis privatizados. Imos perder unha amizade.
Parece inevitable, seino, pero debera facernos reflexionar sobre este aspecto. E outra cousa. Hai certa inocencia en pensar que unha restrición resolverá o problema de Areoso, ao igual que pensar que unha declaración BIC vai protexer un ben cultural. Poden minimizar, poden reducir algo o impacto, pero máis nada.
O deterioro arqueolóxico continuará e a erosión non se deterá. Os Guidoiros, e mesmo Rúa, o que precisan son un plan director con políticas claras de posta en valor, mantemento e investigación, así como orzamentos.
Todos sabemos que cando se pecha unha finca sen pensar en mantela: todo se enche de silvas ata que se remata por esquecer.