Acampaña electoral rematou, e menos mal, porque foi ácida e non construtiva, falando de cadeiras e de pactos. Apenas unha pincelada sobre rehabilitación de vivendas, nada sobre urbanismo e nada sobre patrimonio cultural.
Dinamitaron o monte Acival e non falaron del os políticos. Cada día da campaña sufrimos un atentado vandálico contra o noso patrimonio e, nada falaron deles os políticos. Podíase pensar que as asociacións non impulsaron o debate, pero dende a Unión polo Patrimonio —unión de asociacións de toda España-— mandouse un manifesto sobre cuestións básicas sobre a protección: educar en patrimonio, que se cumpran as leis (que nin as administracións as cumpren) e que se aplique a lei de patrimonio histórico consultando ás asociacións, algo que non entenden os gobernantes. Concentramos nas nosas asociacións gran parte do saber experto na materia, estamos dispostos a asesorarlles gratuitamente, e nin así nos fan caso. A razón é porque non dá votos, porque a cidadanía está ausente do que nos importa: a nosa historia é a garantía dun futuro mellor.
So nos contestaron tres partidos minoritarios, que apenas teñen representación, porque aos cidadáns o que lles interesa son outras máis espurias.
Porque perdemos valores, porque non somos conscientes do que Europa mima o seu patrimonio, porque en España o que máis valor ten é o terraceo e as festas. Para iso si que os políticos impulsan políticas que dan vantaxe, porque somos un país de fiesta y siesta. Igual o que buscan os europeos en España é iso: festa, porque monumentos téñenos eles, e nós pagamos por velos.