O filósofo Paul Lafargue foi o autor dun ensaio de gran pegada na Francia e na Europa do século XIX: o famoso O dereito á preguiza (1883). Nel hai unha famosa cita na que enumera as cinco «razas» para as que o traballo era tan aditivo que se convertía nunha necesidade vital: os auverneses (Francia), os escoceses, os galegos, os pomeranos (Alemaña e Polonia) e os chineses. En contraposición, Lafargue situaba aos gregos e aos españois: «Para eles o traballo é peor que a escravitude».
Lafargue viña dunha potentada familia francocubana, así que xa nos imaxinamos de por onde lle podía vir esa caracterización do traballar galego. Se cadra Lafargue non se daba conta de que para os galegos de Cuba o traballo duro sempre tiña un obxectivo (mercar unha casa, terras, escapar dunha situación opresiva), aínda que non llo ían desvelar a un señorito coma el. Por certo, Lafargue era xenro de Karl Marx.
A idea central do ensaio era positiva: negaba que o noso obxectivo vital debera ser o traballo, senón outras actividades que nos encheran. A nosa vida fora devorada na produción para un terceiro.
Eu, persoalmente, gusto do traballo, e penso que as vacacións e o descanso son parte inseparable do propio feito de traballar. Porque aínda que non descanso cando traballo, cando descanso si que traballo, preparando corpo e mente para o seguinte ciclo.
Se non descansas, algo marcha mal no traballo. Toca agora un mes de acougo, tamén desta columna. Espero traballalo tanto como para facer feliz a Lafargue.