O respecto e a prudencia son dous valores que non debemos perder, e que estamos perdendo. Falla a educación. Falla diferenciar a liberdade e a libertinaxe. Do medo doutro tempo pasamos a ser botados para adiante, sen freo, sen respecto, sen respectar á liberdade dos demais.
Isto explica moitos fenómenos aos que vimos asistindo nos últimos tempos. Non hai control, nin autoridade. As redes son un reflexo, onde non queda outra que bloquear moitas xentes —que non persoas— que cren que o saben todo, que teñen moitos dereitos e poucas obrigas. Non hai máis que ver as actitudes dos nosos políticos, os que nós votamos.
O martes fixemos a alfombra do Apóstolo 2023 diante do mosteiro de San Martiño Pinario e case tivemos que contratar gardacostas para protexela. Xente pisando a obra de artistas que investiron centos de horas para goce de todos, de xeito altruísta. Xente que non respectaba os conos, postos para establecer un límite. Xente que nin respectou o acto solemne do mestre gaiteiro académico Héctor Silveiro interpretando o himno do Reino de Galicia, xente que houbo que afastar protestando para poder filmar o acto.
Xa na porta do mosteiro, moreas de fodechinchos achegábanse de xeito impulsivo pretendendo entrar nun lugar que non é de acceso público, con expresións de ter dereito a visitar un espazo ao que non se pode acceder. Houbo que usar palabras imperativas para botalos. Non lles aprenderon na casa que existen as normas, e que cando non as hai, chega a anarquía e o caos.
Agora entendemos que non lean os carteis ou que suban polos monumentos.