O balcón

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

El Nazareno congrega a miles de fieles.
El Nazareno congrega a miles de fieles. CARMELA QUEIJEIRO

13 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Adicándome ao que me dedico, teño falado en toda clase de escenarios. Ditei conferencias en paraninfos de universidades medievais, auditorios neoiorquinos, aulas de tres continentes, salóns de actos, teatros novecentistas, platós, consellos de administración, fundacións bancarias, casas-museo, salóns de plenos, librarías e bibliotecas. Pero sempre acudín tamén a ceibar matracas en salas de eventos de hoteis de provincias —con aquelas mesas de manteis pesados, moqueta petrificada e posavasos en forma de flor—, feiras gastronómicas, tabernas, bares e pubs, dolmens, cavernas, torreiros e eirados, murallas de castelos e parapetos de castros, cubertas de barco, hórreos, palleiras, lareiras, cumios de montañas, xardíns abandonados, prazas do peixe, carballeiras e púlpitos de igrexa.

Falo rodeado de catedráticos, políticos, gaiteiras, cociñeiros, labregas, inimigos, activistas, científicos, obreiros e escritoras; con focos ou ao sol, a pelo ou con microfonía inarámica.

Poderiamos examinar, ao final das nosas vidas, onde nos convidaron a falar e onde quixemos nós facelo, e saberemos que fomos para os demais e que quixemos ser nós mesmos.

Pero o que nunca fixen ata agora, nestes 47 anos, foi falar desde o balcón dun concello. A primeira vez será na miña vila, A Pobra do Caramiñal, ás 21.15 deste venres, cando se abren as festas do Nazareno.

Un balcón municipal non é calquera cousa: dan ganas de proclamar unha república cunha pola de caramiña na man. Conformareime con non me emocionar demasiado.