Nunha crítica do libro de Blanco Amor Los miedos, Juan Marqués relaciona a literatura dalgúns escritores galegos cun único cualificativo. Pardo Bazán é xenerosa, Valle-Inclán tolleito, Fernández Flórez simpático, Torrente astuto, Cunqueiro doce, Cela violento e Castelao cariñoso.
Co que menos coincido é co último cualificativo. Aceptando que Castelao era moi benevolente cos seus personaxes, como o era con calquera ser humano, esa visión branda de Castelao non se corresponde coa visión que eu teño da súa obra. El mesmo conta que decidiu converterse nun ventureiro das letras un día de Nadal, ollando unha paisaxe que imitaba un Nacemento, ao decatarse de que eran máis fermosas as flores do campo, que parecían creadas por Brueghel, que as flores dun xardín, máis parecidas aos nus manteigosos de Rubens. E por iso admiraba tanto a Goya, quizais o primeiro pintor en ver nas guerras só vítimas, non heroes.
E esa é a clave. Moitas persoas len os relatos e novelas de Castelao, e só ven as flores do xardín cando o que de verdade está describindo son as flores do campo. Que llo pregunten a aquel neno de manteiga, bonito como un caravel, do que fala en Cousas.
A nai quería que fose distinto e, na quentura dos agarimos, o neno fíxose mozo, un mozo cheo dunha bondade e dunha inocencia que mesmo conservou cando entrou no exército. E non só no exército. Tamén na guerra, onde morreu dicindo esa frase, «Ai, mi mamaíta», que Castelao cualifica de tremendamente tráxica. De feito, tamén di que a fermosura do neno foi a súa desgraza, e escribe unha frase que, ao meu entender, é puro Castelao: «Vestidiño como un príncipe de lenda, tiña un ollar tristeiro de neno medrado en sedas e bicos».
Puro Castelao a nivel narrativo, pero tamén biográfico. Visitando París chamoulle a atención un letreiro, entre un crucifixo e sete bandeiras francesas, que dicía: «Lembrádevos dos mortos pola Patria». E preguntouse, segundo di no Diario, se non sería mellor poñer: Rezade polos mortos da guerra.
A Patria e os heroes, flores do xardín. A guerra e as vítimas, flores do campo.