Pois xa estamos nun plan no que non nos falta nada para botarnos a nadar polas rúas e imaxinar que estamos con Kevin Costner en Waterworld, aquel longametraxe pos-apocalíptico do ano 1995 que foi un fracaso en caixa, pero que está a nada de se converter en filme de culto. Nesa película os casquetes polares derretéranse e case toda a superficie do planeta enchérase de auga, así que os superviventes que quedaron movíanse nunhas precarias plataformas flotantes. Unha lenda sostiña que nalgún sitio aínda existía terra firme. Nós comezamos a soñar con algo similar: un tempo no que a superficie estaba seca. No seu defecto, sempre nos quedarán as illas Canarias.
O universo da auga en Galicia resulta como un contador de marcha atrás. Os nosos solos graníticos non son especialmente fértiles, e se a nosa terra produce moito é, en realidade, polas inmensas cantidades de auga que compensan unha superficie con escasos nutrientes e á que había que dar de comer cada ano con todo tipo de estrumes para garantir unha mínima produtividade.
O cambio climático que, aínda que pareza mentira dicilo en días coma estes, é unha realidade, revelaranos que é o que somos capaces de facer coa redución sistémica da choiva que iremos vivindo. E eu non son de dramatizar: non será unha situación doada, pero iremos atopando camiños, como pasou en fases climáticas anteriores neste territorio.
Entrementres, vivo con sentimentos cruzados. Estas eternas augas lémbranme o pasado e iso confórtame. Pero ao mesmo tempo, por favor un pouco de tregua, non?