Ninguén cre que sexa máis caro ir do aeroporto á cidade en taxi (14 km.) que voar a Londres (1.100 km.). A razón di o contrario. O certo é que un taxi custa máis que un avión, e ese custo non é por ser un servizo individual nin por ter a radio acesa, nin por deixarche á porta da casa, nin porque o taxista che colla as maletas ou poidas levar máis peso sen pagar taxas extraordinarias.
Non é máis barato viaxar en avión porque os custos directos sexan menores. A principal razón é que o resto da viaxe cha pagan os de sempre, os cidadáns cos seus impostos, viaxen en avión ou non, mesmo xente que nunca colleu un avión. É como se a autoestrada fose de balde, e que pagaran os que non teñen coche cos seus tributos.
Son dese tipo de políticas que non chego a entender. O lóxico é que cada quen pague os servizos que use, ben sexa a autoestrada, ben sexa o avión para unha viaxe de pracer. Outra cousa son os básicos, a sanidade ou a educación, pero ¿pagarlle as vacacións a outros, namentres quedas traballando?
A razón é a de sempre: deixamos de ser produtores para servir, deixamos de ser labregos ou pechamos as fábricas para vivir do turismo, e algúns alcaldes subvencionan liñas aéreas para que veñan turistas vernos, ou para que nós vaiamos ver outros lugares.
Onde queda a responsabilidade co planeta? Non é certo que os avións contaminan, e moito? Non é certo que todo ese tránsito de xente consume máis recursos? Non era que estabamos na transición ecolóxica? Todo son boas palabras e relatos que convencen, silenciando a real situación de emerxencia climática na que vivimos.