Cando pensamos en rituais, sempre damos por suposto que falamos de cousas remotas e ancestrais, pero en realidade os rituais están inventándose continuamente e, moitas veces, nin nos damos conta da súa existencia. Os rituais facíanse por dous motivos: o primeiro para conseguir algo polo feito de facelos. O segundo: porque o ritual achega seguridade, algún tipo de conforto.
Iso é o que nos pasa coas luces de Nadal. Chega decembro, vemos as luces prendidas, e iso múdanos o ánimo. Sábeno ben os comerciantes, que piden máis e máis luz porque esas luminarias funcionan como alarmas para animarnos a mercar. Tería que explorar de onde veñen as luces de Nadal, pero ten toda a traza que deben estar inspiradas na estrela que guiou os magos de Oriente ata o pesebre de Xesús.
Esas formas penduradas das rúas e das farolas estarían, pois, conmemorando a noite do 31 de decembro e a última e fría camiñada. Nos últimos anos, o panorama da decoración navideña diversificouse, por sorte, e dos Beléns pasouse a recreacións de aldeas e poboados animados co énfase na artesanía e no pequeno. A min encántanne dous lugares nos que poder vivilos: Lalín coas súas aldeas e as decoracións de Nadal de Allariz.
Mundos de fantasía, de seguridade e de conforto que convidan a mirar os pequenos detalles, nos que traballan as xentes creativas que viven no concello e na comarca e crean unha identidade singular que non depende só do talonario. Moito me gustaría que no Barbanza, no Nadal, se apostara por estes mundos acolledores e cercanos. Porque o bo da luz é que colle a forma que queiramos.