A actitude

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

En Galicia vivimos, coma no filme Matrix, nunha ilusión

10 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

verán é un estado mental, desengánense. Capri, Creta, a Costa Azul? Simples espellismos do noso cerebro, deses que soamente as mentes febles precisan para crer que é posible gozar da luz solar. En Galicia vivimos, coma no filme Matrix, nunha ilusión. A nosa realidade é unha eterna nube húmida. Os días de sol? Fallos no sistema que se amañan de contado para volvermos ao noso destino.

O importante é a actitude. Lembro un agosto que pasei en Escocia, facendo unha ruta de montaña polas Highlands. Todo canto señor nos cruzabamos no medio do monte, baixo unha chuvia inclemente e coa terra enchoupada coma se camiñaras sobre o argazo, botaba un chiste ao pasar. «Que ben, a ver se segue así, que hai menos mosquitos», dicíanos un. Referíase a que en Escocia —e iso non cho contan nas pelis de Braveheart ou Rob Roy— viven auténticas hordas de mosquitos que se comportan cos turistas coma os pictos coas lexións romanas.

Chámanlles midges aínda que cando xa collemos confianza con eles (cos mosquitos), nós galeguizámolos como michis. E tiña razón aquel sendeirista: en canto deixaba de caer auga velaí estaban catando sangue de galego. Así que ao final ata agradecías o temporal, e concluías que a mellor sensación dun verán escocés era unha boa pinta de cervexa ao carón do lume mentres puñas secar a roupa na estufa.

Nós temos cervexa, albariño e un pouco de marisco. O que non facemos é contar chistes cando nos cruzamos con outros incautos baixo a chuvia. Se cadra hai que comezar a facelo, polas trazas que leva isto.