Che Tembra, Barahúnda e Rodrigo Romaní, candidatos aos sereos 2024

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Son finalistas nas tres modalidades con Esperanza Mara, Antonio Pérez, Museo Valle-Inclán, Os Menestreis, Manuel Olveira e Sonia Lebedynski

23 nov 2024 . Actualizado a las 19:15 h.

A Asociación Cultural Barbantia acaba de poñer en marcha o proceso de concesión dos premios da cultura, coñecidos como sereos, que este ano vanse entregar na Casa da Cultura de Muros o 14 de decembro, data na que habitualmente se concentran tanto a gala de reparto dos galardóns, como a presentación do Anuario de estudos do Barbanza 2024 e o xantar de Nadal, pero que nesta ocasión engádese a posta de longo do sétimo recompilatorio dos suplementos de A Voz de Barbantia, que agrupa os 25 números comprendidos entre o 151 e o 175, e que viron a luz nas páxinas da edición de La Voz de Galicia en Barbanza desde o 31 de xaneiro do 2020 ata o 28 de maio do 2022.

As novidades nos premios Barbantia son a incorporación do artista do ferro Che Tembra, o grupo Barahúnda e o músico de arpa Rodrigo Romaní. Tembra é finalista na modalidade do Premio á Traxectoria Cultural no Barbanza, no que tamén están encadrados a soprano Esperanza Mara e o pintor Antonio Pérez.

Pola súa banda, no Premio á Iniciativa Cultural no Barbanza, o dúo Barahúnda ten como rivais ao Museo Valle-Inclán da Pobra, e ao grupo de música antiga Os Menestreis. En canto ao premio da Cultura Galega, Rodrigo Romaní compite co artista Manuel Olveira, e a cantora galega Sonia Lebedynski.

Unha vez que xa se coñecen os finalistas dos Barbantia da Cultura, serán os socios da entidade os que, coas seus votos, decidan os agraciados finais, polo que antes do 29 deste mes, teñen que sinalar na papeleta que lles foi remitida por correo electrónico a persoa ou entidade pola que se decantan. Os votantes contan con tres posibilidades de facer efectivas as súas preferencia: por correo postal á dirección Centro Social, rúa Principal, 77, 4º andar, 15930 (Boiro), ás contas de mail barbantia@barbantia.es ou pastor@barbantia.es ou na urna que se depositará nos actos da asociación, neste sentido, cabe sinalar que o meso día 29, a libraría Espacio Lector Nobel de Boiro, será escenario da presentación do libro Sístole, de Fe Núñez.

Resultados e suxestións

Unha vez que remate o período de votacións, xuntarase o xurado dos premios para facer o reconto e, posteriormente, comunicar o resultado aos galardoados e feito público para coñecemento xeral.

A papeleta de votación ten un apartado de suxestións para os premios sereo da edición seguinte onde os socios poden facer ata tres propostas por categoría.