Francisco Rei: «Esta é unha comarca terriblemente discriminada nos orzamentos da Xunta»

BARBANZA

Optimista e comprometido, o novo responsable do BNG en Barbanza aspira a consolidar o proxecto nacionalista
22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.En pouco tempo, Francisco Rei (Ames, 1992) asumiu un feixe de novas responsabilidades no ámbito político. Vinculado ao BNG dende a súa mocidade en Galiza Nova, nas pasadas eleccións participou por primeira vez nunha candidatura e dende entón a súa implicación no proxecto nacionalista barbancés foi en aumento, primeiro como responsable local da asemblea do Bloque en Rianxo, onde está afincado; logo como concelleiro na corporación rianxeiro trala marcha de Xusto Ordóñez; e agora como responsable do consello comarcal da formación frentista. A súa traxectoria demostra que non é dos que se pon de perfil ante os retos.
—O seu coa política é algo vocacional?
—Si que o é. Foi na época estudantil cando comecei este percorrido. Dende os 18 anos que empecei a facer parte en Galiza Nova sempre estiven comprometido co nacionalismo, co BNG e coa defensa dos dereitos e intereses da xente.
—Estreouse hai pouco como concelleiro, como está a ser a experiencia?
—Era a primeira vez que ocupaba un posto nunha candidatura e tomei con moita ilusión no seu momento que a asemblea de Rianxo me elixira, iso fixo que me namorara un pouco máis da política municipal. Ata ese momento estaba máis involucrado en outros ámbitos e responsabilidades e tíñaa un pouco de lado, e é algo que me gusta moito, falar coa xente dos seus problemas reais, do día a día, motívame. Como concelleiro levo pouco tempo, pero estouno tomando con moitas ganas, con moito optimismo e intentando solucionar os problemas da xente.
—Chegou á corporación trala renuncia de Xusto Ordóñez, candidato á alcaldía, está o BNG de Rianxo nun momento de recomposición?
—O BNG de Rianxo está intentando ser útil dende a oposición, que é o que nos tocou tralas últimas eleccións. Organizativamente, estamos ben, estamos fortes e con ganas de traballar. Xusto decidiu dar un paso atrás, pero seguimos coa mesma liña de ser útiles na oposición e de saber que máis pronto que tarde volveremos gobernar en Rianxo.
—Vén de asumir as rendas do consello comarcal do BNG de Barbanza, cales son os retos nesta nova andaina?
—Estamos moi satisfeitos cos últimos resultados electorais, pero temos o reto de seguir medrando como organización aumentando a participación, afianzarnos nos gobernos de Ribeira e A Pobra, optar a novas alcaldías, recuperar apoios en Rianxo e seguir co ascenso en Boiro.
—Efectivamente, os resultados nos últimos comicios locais colocaron ao BNG en dous gobernos importantes, que balance fan deste período?
—Estamos moi satisfeitos, creo que estamos facendo as cousas moi ben nos dous concellos, e en Ribeira en particular a xente está empezando a ver que outro tipo de política diferente á do PP é posible. Estase facendo un traballo grandísimo, con moita implicación, e vemos o futuro con optimismo. Sempre do lado da xente.
—No que respecta aos asuntos de interese para a comarca, cales son as principais preocupacións?
—Unha das principais é a sanidade pública, comezando polo hospital, está habendo concentracións polas demoras de máis de un ano para revisións e probas diagnósticas. Os centros de saúde en xeral están nunha situación precaria pola falta de persoal, nomeadamente os de Rianxo e Aguiño, onde hai protestas todas as semanas. Hai un problema moi grande co transporte porque a Xunta sacou un concurso malísimo e iso fai que funcione de forma desastrosa e quen o paga son os usuarios. Sen esquecer a perda de produtividade da ría e, por suposto, a bomba ambiental de Altri que queren colocar á beira do Ulla. Tamén vimos reclamando melloras nas travesías da AC-305... Esta é unha comarca terriblemente discriminada nos orzamentos da Xunta.
—E xa que estamos en Nadal, que desexo pediría para o 2025?
—Que a Xunta escoite un pouco as demandas da comarca, que nos fagan máis caso.
«No BNG estamos máis fortes que nunca e máis unidos que nunca para ser a alternativa ao PP»
Coa mente posta xa no seguinte reto electoral, Francisco Rei confía en que o BNG manterá a liña ascendente de apoio da cidadanía que obtivo nas últimas convocatorias.
—Aínda que non conseguiu o obxectivo, o BNG obtivo un moi resultado nas eleccións autonómicas, cre que o efecto Pontón do que tanto se ten falado este ano se manterá no tempo?
—Temos claro que somos a alternativa real neste país ao goberno do Partido Popular. E iso non só se ve no apoio que recibimos nas eleccións, senón que o vemos na rúa, estamos en todas as problemáticas que afectan á cidadanía ao carón das persoas: nos centros de saúde, na defensa das rías, en contra de Altri... Día a día estamos de lado da xente e a xente veo, por iso miramos o futuro con optimismo e convencidos de que somos a alternativa ás políticas do PP.
—O BNG vén de referendar o liderado de Ana Pontón, pero afloraron diferenzas entre as distintas forzas que integran a organización e escoitáronse voces críticas, hai un cisma no BNG ou o que hai é un interese en facer ver que existen diferenzas?
—O BNG vive unha situación de harmonía total e de militancia comprometida. O que ocorre é que ás veces sorprende o funcionamento democrático da nosa organización porque non é algo que esteamos afeitos a ver en outras formacións políticas. No BNG estamos máis fortes que nunca e máis unidos que nunca para ser a alternativa ao PP.
—Trala asemblea nacional renovouse o consello comarcal de Barbanza, están previstos novos procesos de renovación nas agrupacións locais da bisbarra?
—Son as asembleas as que deciden, é a propia militancia a que elixe ao seu responsable local e queda nas súas mans.
—Vostede colleu o relevo dunha figura relevante para o BNG de Barbanza como Adolfo Muíños, é complicado ocupar ese lugar?
—Asúmoo con moito respecto porque é un referente do nacionalismo na bisbarra, pero non é complicado porque podo contar con el e a súa axuda todos os días.