«Estamos dando pasos para que Boiro sexa un pobo cómodo e limpo»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

carmela queijeiro

Martiño asegura que o Concello ten que facer un plan económico por incumprir o gasto no 2018 e no 2109

26 may 2020 . Actualizado a las 09:32 h.

Vai cumprirse un ano desde que José Ramón Romero (Boiro, 1975) chegou á alcaldía do seu pobo. Martiño, como se lle coñece por alcume familiar, xa tiña experiencia como representante público, pois estivo á fronte da Federación de Empresarios do Barbanza (FEB) durante cinco anos e formou parte da directiva da Asociación Boirense de Empresarios (ABE). Na súa propia casa viviu de preto a política municipal, pois seu pai, José Romero, foi concelleiro, tamén do PSOE, nos anos oitenta.

-Dáse a casualidade de que, como agora, a primeira vez que houbo un alcalde socialista en Boiro, no 1983, foino con só cinco concelleiros.

-Seino e oxalá que se repita a historia, polo menos unha parte -di sorrindo e aludindo indirectamente a que nas eleccións seguintes, no 1987, o PSOE de Velo acadaba unha ampla maioría absoluta que se diluíu nunha moción de censura, apoiada por disidentes, que se fixo efectiva un ano despois-.

-Sendo de quen é fillo, a vostede o da política tiráballe?

-Si, sempre me tirou. Xa me viñeran buscar antes, pero non se daban as circunstancias, nin profesionais nin familiares. Unha vez que cambiaron e volveron a interesarse, dei o paso.

-Como foi este primeiro ano de mandato tan en minoría?

-Non foi precisamente un camiño de rosas, porque nos atopamos con cousas inesperadas ás que tivemos que facerlles fronte xa desde o primeiro momento..., pero non me gusta mirar para atrás. Prefiro falar de presente e de futuro, e penso que estamos dando pasos para que Boiro sexa un pobo cómodo, limpo e organizado, que é o que creo que ten que percibir o cidadán, estar a gusto e satisfeito co seu pobo, ter as rúas limpas, os xardíns coidados, as instalacións municipais en bo estado.

-E como estaba a situación económica do Concello?

-Insisto en que non me gusta mirar atrás, pero se digo que estaba ben mentiría. Eu entendo que ás portas dunhas eleccións acostuma gastarse máis en obras, pero non se debe gastar máis do que se pode. Incumpriuse a norma de gasto no 2018 e no 2019 e había que elaborar un plan económico financeiro, que temos que facer nós para que, no ano 2022, podamos xestionar sen estar sometidos á lei Montoro. Non significa que non se vaian realizar obras porque están as do POS do 2019 e deste 2020. Estamos tamén coa construción da sede do club de remo, proxecto que nos encontramos cun feixe de problemas, pois nin tiña acta de replanteo e estaba afectado por unha liña de media tensión; e a restauración da Torre de Goiáns, que tamén tiña carencias e defectos que houbo que arranxar. Estas cousas retrasaron as actuacións porque cada cambio tiña que ser aprobado por Portos ou Patrimonio, e non foron o que se di rápidos.

-Están tendo colaboración dos demais partidos? Semella que algúns apoiaron a súa investidura e logo deixárono só.

-Teño que recoñecer que ao principio, froito quizais da inexperiencia, non contamos moito coas demais formacións, pero agora a comunicación é fluída.

-Un goberno de cinco concelleiros non é moi curto para un Concello como o de Boiro?

-Certo, penso que si. E só é asumible con dedicación. Estamos traballando ao cen por cen. Só estamos dous concelleiros con dedicación, e os outros tres están implicados a tope. Están nos seus traballos e cando poden, no Concello. Os mércores estamos todos. É cando temos as reunións de planificación e as xuntas de goberno. Luís Ruiz e máis eu non temos horas. No programa dixemos que teríamos atención ao cidadán todos os días pola tarde e estamos cumprindo. Eu reúnome cada día cun departamento municipal para analizar o traballo feito e planificar o seguinte. As xuntanzas están planificadas. Cada sección sabe o día e a hora á que quedamos. Considero que é importante estar no día a día, e o persoal estao agradecendo.

-A nivel laboral, o Concello conta co persoal acorde á súa importancia?

-Non. Hai unha importante carencia froito de que non se cubriron vacantes que se foron producindo. Para que a xente se faga unha idea, respecto ao ano 2000, máis ou menos, temos uns corenta traballadores menos. Co fin de optimizar os recursos humanos cos que conta o Concello, desde que chegamos fomos percorrendo todos os departamentos e reuníndonos co persoal, incluso facendo cambios de postos de traballo, non só para acadar unha maior efectividade, senón tamén para motivar ás persoas, e estamos contentos cos resultados e pensamos que os empregados tamén o están. Reestruturamos a Administración local e incluso a distribución física dos departamentos municipais, de forma que, por exemplo, todo o que teña que ver con Servizos Sociais estea preto deste departamento.

-Algunha carencia máis?

-Si, tamén nos chamou a atención a escaseza de medios para desenvolver labores de mantemento máis eficaces: non hai nin unha escavadora, nin un camión... para todo dependemos de empresas externas, o que resta operatividade e encarece a máis mínima actuación, cousa que temos que resolver para darlle a volta á situación económica. Por haber, nin hai unha central de compras. Cada departamento facía a adquisición de material pola súa conta. Non había un control, só unha persoa que firmaba todo. Agora xa non, ten que ser o encargado do departamento o que firme a compra, o que se responsabilice dela, e nada de ir cada un polo seu lado. Queremos que estas se leven a cabo con criterio e responsabilidade e a uns custes sensatos.