«Esta comarca precisa dun canal para competir en igualdade de condicións»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

MAZARICOS

JORGE PARRI

«A nosa primeira gran campioa foi Andrea Pérez, de Mazaricos», relata Kike Portela, experto en Psicoloxía Deportiva e director do Club Piragüismo Dumbría

01 abr 2019 . Actualizado a las 10:06 h.

Xosé Henrique Rodríguez Portela, Kike Portela (Tomiño, 1971) leva dez anos residindo en Corcubión. Casou cunha mazaricana, Susana, e ten un fillo, Roque, de oito anos, «un corcubionés polos catro costados». A súa familia ten unha forte vinculación cos viñedos. É administrativo, pero o seu sempre foi o deporte. É técnico e experto en Psicoloxía Deportiva pola USC. Participou na fundación e leva as rendas do Club Piragüismo Dumbría, un equipo de 30 rapaces (en verán son máis deportistas) de Mazaricos, Dumbría, Vimianzo, Cee, Corcubión... Que nos últimos anos acadaron un sinfín de medallas, tanto a nivel individual como por equipos.

-Como evolucionou o club nestes dez anos?

-Pois moi sinxelo, de cero pasamos ao que somos agora. Non sei se cen ou máis. Iso si, hai moito traballo detrás, non só meu, senón de moita xente que apostou polo piragüismo no seu momento pese a non ser un deporte, por así dicilo, de masas.

-Os resultados din que xa non son un equipo de andar por casa.

-Non somos o Real Madrid do piragüismo, pero si somos un equipo de Primeira División.

-Iago Canosa, Marco Oreiro, Jorge Quintáns, Lorena Costa... Vaia ramallete de gañadores.

-Estamos moi orgullosos deles porque os seus éxitos son tamén os nosos como club. Estes logros din que o traballo feito ata o de agora foi bo. Marco Oreiro [Dumbría] foi o noso primeiro campión de España infantil. Jorge Quintáns [Vimianzo] subiu ao podio en todas aprobas da Copa de España de eslalon. Iago Canosa [Dumbría] atópase en Lleida e pertence ao combinado nacional sub-23. Lorena Costa [Dumbría] foi a primeira piragüista do club en participar un campionato mundial, en Italia. Pero se boto unha ollada ao pasado acórdome da nosa primeira gran campioa, que é de Mazaricos, Andrea Pérez. Ten unha clase especial, algo que tamén herdou o seu irmá, Brais Pérez. Creo que fixemos un gran grupo, non só de deportistas, senón tamén de persoas.

-Cara onde ten que evolucionar o club?

-Acadar un canal de augas bravas. É primordial para esta comarca ter un e poder competir en igualdade de condicións co resto de clubs de piragüismo de Galicia e de España.

-Xa teñen o sitio buscado?

-Hai xa seis anos. É un tramo do Xallas de 300 metros de lonxitude. Chamámoslle O Conquiño. É perfecto para este tipo de probas. Técnicos en piragüismo supervisaron o percorrido e din que é unha marabilla. Atópase xusto entre os límites de Dumbría e Mazaricos.

-E que din na xunta?

-Só pon atrancos. Levamos seis anos á espera dun informe favorable, pero non sabemos por que, Augas de Galicia non o quere habilitar. O pasado ano investíronse 4.000 euros na elaboración dun informe de impacto ambiental e aínda esperamos a que a Xunta se pronuncie. Iso non ocorre na provincia de Pontevedra, onde hai máis facilidades. Para nós é vital porque poderiamos desenvolver probas de ámbito autonómico, estatal e internacional. Sempre temos que competir fóra da comarca.

-Que xeraría ese canal?

-Primeiro, un impacto económico. A maioría dos albergues de peregrinos da comarca están baleiros en inverno. Sería unha forma de desestacionalizar o turismo, ofertando prazas para equipos e seleccións. E segundo, porque dariamos un paso máis na formación de rapaces. Sempre digo que o deporte debe ser un formador de persoas. Por riba dos resultados deportivos están os formativos. O piragüismo non é un deporte maioritario, pero si serve, por exemplo, para acadar o título de técnico deportivo, un grao medio de piragüismo, para acadar un contrato laboral... Detrás dunha disciplina, a que sexa, se abre un abano de posibilidades, pero, para iso, é necesario dotar aos clubs de medios, e no noso caso, un canal de augas bravas é prioritario.

-Como lles afecta a seca?

-Moito, sobre todo a nivel de adestramentos. Estamos preocupados porque o embalse da Fervenza esta ao 50?% da súa capacidade. Se non chove pronto, haberá moitos problemas.