O castelo de Brandufe

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

MAZARICOS

22 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días fríos son bos para subir a un lugar épico: os montes da Ruña, en Mazaricos. É posible que as pequenas lagoas estean alí, o vento zoe difícil e teñamos a sensación de que entramos nun espazo privilexiado e único. Alí, a 643 metros de altura, atópase a que debe ser a fortificación a máis altitude da provincia da Coruña, o castelo de Brandufe. Unha absoluta xoia. Malia as repetidas agresións que sufriu o alto do monte e o propio xacemento arqueolóxico, é un dos castelos en mellor estado de conservación da Galicia marítima, en parte debido ao seu illamento.

Non sabemos nada del: nin propietarios nin cronoloxía. Consta dunha muralla perimetral e un edificio interior de certo tamaño e complexidade. Pola súa localización e o amplo dominio visual, poderíase tratar dunha fortificación da alta Idade Media, clave no control de ameazas procedentes do mar e nas primeiras fases do sistema feudal. A espectacular paisaxe glaciar de alta montaña que rodea o castelo de Brandufe ofrece a oportunidade case única de visitar un xacemento coa súa paisaxe case inalterada.

Un proxecto de central de bombeo pretende destruír e alterar este extraordinario recurso económico, cultural e turístico de Mazaricos, cando aínda nin sequera se puxo en valor. As paisaxes culturais e históricas son hoxe un dos principais activos económicos da Galicia actual, como se pode comprobar, e son de todos. Non teño dúbidas de que haberá cabeza e sentido común para opoñerse a unha actuación que só beneficiará a uns poucos.