O certame literario Antón Avilés de Taramancos acada neste 2021 a vixésima edición
NOIA
O gañador recibirá un premio de 3.000 euros e a publicación do seu relato
10 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Nada menos que vinte edicións cumpre este ano o certame literario Antón Avilés de Taramancos, que organiza o Concello de Noia e que acaba de abrir o prazo de presentación de obras. En xogo está un premio de 3.000 euros en metálico, una escultura conmemorativa obra do artista noiés Alfonso Costa e a publicación do relato gañador.
Coma sempre, ao concurso poden concorrer traballos de temática libre, pero encadrados no relato de aventuras, escritos en galego e que sexan inéditos. O prazo para presentar as obras, que deben ter unha extensión de entre 70.000 e 100.000 caracteres, finaliza o vindeiro 15 de setembro. A partir dese momento, o xurado terá un prazo duns tres meses para emitir o seu veredicto, que se fará público na segunda quincena do mes de decembro.
En canto ao xurado encargado de valorar os relatos e elixir ao gañador da vixésima edición do certame de aventuras Antón Avilés de Taramancos, estará composto polo alcalde de Noia ou a persoa na que delegue, un membro da revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar e tres vogais escollidos entre persoas vinculadas ao mundo da literatura galega.