Santiago Freire: «Hai proxectos que definen o modelo de futuro nos que é preciso o consenso»
![Ana Gerpe Varela](https://img.lavdg.com/sc/ZCmIDP-Sxtcm7gvdKIfiM3tNLQA=/75x75/perfiles/191/1622721976037_thumb.jpg)
NOIA
![Santiago Freire, alcalde de Noia](https://img.lavdg.com/sc/m49zIP_yJTj3T-jWvXb1zzAg9lA=/480x/2023/07/22/00121690014722018403460/Foto/BL23C4F1_1.jpg)
Recalca que os cinco partidos políticos teñen unha base electoral estable
23 jul 2023 . Actualizado a las 19:03 h.Afronta un novo mandato consciente da responsabilidade que implica porque, como el mesmo afirma, «é a primeira vez que un alcalde de Noia revalida tres mandatos consecutivos». Santiago Freire fai tamén unha análise dos resultados obtidos nos pasados comicios municipais e indica que «en Noia hai cinco partidos consolidados, sen grandes variacións no numero de edís. Existe unha base electoral estable». Tendo en conta iso, aposta por contar con todos os grupos, con independencia de ter reeditado un acordo co NOIA que garante a estabilidade do goberno para os vindeiros catro anos.
—Está asentado o acordo co NOIA? Resultou máis difícil alcanzar un pacto nesta ocasión?
—A nosa proposta foi clara dende o primeiro momento. Sen embargo, como esta vez houbo 40 días ata a toma de posesión, o NOIA non adoptou unha decisión ata o último momento. Non significa isto que nese período houbera un cambio de postura, pero eles valoraron a posibilidade da alcaldía. A nosa posición era reeditar un acordo de características similares ao anterior, con algunha redistribución. É destacable a postura do BNG, que tivo unha formulación rigorosa e consecuente.
—Cales son los piares desta nova etapa no goberno?
—O fundamental é que exista unha colaboración ou sintonía á hora de levar a cabo o traballo en cada área. Non existe ningunha esfera illada. Se vimos co ánimo de sacar adiante propostas e de colaborar, todo pode funcionar ben. Tendo en conta que neste municipio hai cinco partidos consolidados e cunha base electoral estable, hai actuacións nas que queremos chegar a acordos cos outros grupos. Así o imos intentar. Hai proxectos que definen o modelo de futuro nos que é preciso o consenso. Debemos buscar acordos amplos en determinadas materias.
—A cales se refire?
—Obras como a do centro de saúde. Vai ir emprazado en San Lázaro e no entorno hai que mercar máis terreo para outros usos dotacionais. Trátase dunha intervención de carácter estratéxico porque é un barrio que vai ter un maior dinamismo e no que debe mellorarse a conectividade. Outra das intervencións é a que afecta á Chaínza, onde se levantarán un centro de día e un albergue de peregrinos. Esta zona tamén pode converterse nun referente de Noia e sería bo definir o modelo de xeito consensuado. A iso únense outras inversións destacadas, como a do sistema de potabilización e subministro de auga ou a da depuradora, que pode implicar a construción dunha nova. Trátase de actuacións que teñen repercusión a longo prazo.
—Falouse da posibilidade de que vostede non esgotase o mandato para ocupar outros postos.
—Eu voulle a dedicar estes catro anos ao Concello da maneira que sei traballar. A experiencia adquirida vai resultar útil para sacar adiante cuestións importantes para o municipio. Efectivamente, eses foron comentarios que xurdiron e que non responden á realidade.
—Vai ter dedicación exclusiva?
—A miña intención, cando remate uns trámites preliminares que deben facerse, e estar dedicado por completo ao Concello.
«Queremos abordar a ampliación do polígono»
Destacados son os proxectos que deben levarse a cabo nos vindeiros catro anos en Noia e que xa están encarrilados e con dotación orzamentaria. Ao mesmo tempo, deben asentarse os piares doutras actuacións.
—Teñen estratexias para aproveitar a boa conexión do municipio con Santiago?
—Queremos abordar a ampliación do polígono industrial. De feito, xa tivemos unha xuntanza con empresarios antes dos comicios. Inicialmente sería un incremento de 50.000 metros cadrados. Hai xestións feitas e o propósito e manter, a principios de setembro, unha reunión con Xestur. Houbo un dinamismo na implantación e interese por parte de empresas, especialmente vinculadas ao sector servizos.
—O PXOM continúa a ser unha materia pendente.
—Conseguimos regularizar o aspecto da captación de auga. Agora, por parte de Augas de Galicia, pedíronnos que garantamos a suficiencia de caudal. É unha das cuestións que debemos abordar de inmediato. Agardo que este sexa o mandato no que o planeamento quede aprobado de xeito definitivo. Pasaron 18 anos dende que se iniciou a tramitación. É necesario para a ordenación global, e tamén para definir aspectos como a dotación de novo chan industrial. O urbanismo evolucionou, buscando máis zonas verdes e cada vez é maior a protección ambiental. É certo que nestes anos Noia non tivo unha presión urbanística forte. O PXOM vai permitir un desenvolvemento en moitos aspectos.
—Tamén no capítulo de persoal teñen traballo por diante.
—Temos que resolver a estabilización de determinados postos municipais e reforzar determinados departamentos.
—Onde están as prioridades?
—Resulta urxente reforzar a Policía Local. En breve tense que rexistrar a incorporación de seis novos axentes, de xeito que o corpo quede con 16 profesionais para prestar o servizo. Ao mesmo tempo, debemos aplicar o organigrama laboral, a RPT. Na actualidade, o Concello ten unha situación algo complexa porque hai moitos departamentos con vacantes. Temos que reforzar os servizos.
—E a nivel do reparto de áreas no goberno?
—Imos reorganizar determinadas concellerías e definir unha serie de propostas co obxectivo de mellorar as prestacións aos cidadáns. Todo isto tendo en conta que todas as áreas están conectadas.