Un texto filosófico de natureza literaria, ou un texto literario de natureza filosófica?

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Os rianxeiros responderon á posta de longo do novo libro do seu veciño Xosé Ricardo Losada

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos tivemos un profe que nos marcou. E logo, os de letras, todos tivemos un mestre de Filosofía inesquecible porque nos aprendeu a entender a vida, a descubrir a esencia das cousas nesa complicada etapa da adolescencia. O rianxeiro Xosé Ricardo Losada encaixa no perfil deses dous docentes, como quedou de manifesto no concorrido acto de presentación da súa nova novela, A casa xunto ao volcán, premio Viadutos 2019, no que o autor arrisca co pano de fondo, o IES Félix Muriel de Rianxo, onde imparte Filosofía, circunstancia que, como sinalou, alimentará rexoubas ao identificar os personaxes da ficción cos reais.

Antón Riveiro Coello «forma parte da paisaxe» das presentacións das obras de Losada, porque estivo en todas. E foi o recente gañador do Torrente Ballester, coa súa novela As liñas do paraíso, quen abriu as intervencións subliñando dúas cousas que son clásicos: que o suplemento A Voz de Barbantia está a piques de chegar ao número 150, o vindeiro mes; e que as musas habitan en Rianxo, para explicar a súa condición de vila literaria.

A cuestión

Entrou na obra de Xosé Ricardo Losada advertindo que é a típica novela que engancha, que é incisiva e intelixente, e augurándolle moitos éxitos, e deixou no aire unha cuestión: «Estamos ante un texto filosófico de natureza literaria, ou un texto literario de natureza filosófica?». Cualificou ao autor como un dos grandes autores galegos que escribe dunha forma distinta.

Malores Villanueva, en representación da editorial, apuntou que os dous autores cos que compartía mesa, Losada e Riveiro, forman parte da «nosa Galaxia», e rebelou unha curiosidade: que ela e catro mulleres máis foron o xurado, e deron o premio por unanimidade. Unha das conclusións á que chegaron foi que a novela estaba escrita por unha muller, pois apreciaban sensibilidade feminina, e descartaron que se tratase de alguén do mundo da docencia: «Non valiamos para pitonisas», confesou. Ademais aludiu aos chiscos coa Filosofía á que se refería Antón Riveiro, sinalando que «vai aparecendo en pequenas pingas».

Interveu tamén Alicia Fernández, unha exalumna de Xosé Ricardo, que deu o seu parecer sobre a novela, da que dixo que é especial e profunda, moi fluída, na que se identifica co personaxe principal, Xeila, de como, no instituto no que ela mesma estudou, se vai desenvolvendo como persoa: «A etapa de Xeila é a que pasamos todos, a que che leva a madurar. Todos atravesamos momentos difíciles». Instou ao público a ler o libro, a desfrutar del, a desfrutar da vida e «desfrutar do que vos dea a gana».

O autor

Pechou o acto o propio autor, advertindo que A casa xunto ao volcán non é un texto filosófico, pero si ten Filosofía, empezando polo título, unha metáfora extraída do pensamento de Nietzsche. Rebelou que se decidiu a escribir a novela despois de recibir senllos correos electrónicos de dúas alumnas con motivo da presentación do anterior libro. Losada Deixou clara a paixón pola súa profesión de mestre de Filosofía e do bo nivel que demostran os seus alumnos nas clases.

A continuación, a modo de crítica soterrada á moda do black friday, invitou aos presentes a mercar o libro, facendo un despregue de márketing: porque foi premiado por un xurado de nivel; ten unha encadernación que «loce moito na biblioteca»; ten unha historia cuxo orixe é a paixón dos alumnos por Nietzsche; ten un título extraordinario «non é meu; é de Nietzsche: Presentádevos voluntarios a todo o que fagades mal, será a forma de aprender»; ten boa escrita con suspense e axilidade; ten dous personaxes fascinantes; e reflicte un pacto xeracional. «Escribo novelas para que vos sintades mal; é a forma de construír un mundo mellor», concluíu.